O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, recibiu o pasado venres os representantes de Aludec Saxonia S.A., que presentaron xa o proxecto para unha nave na parcela número tres do Parque Empresarial da Reigosa para a súa industria de metalizado de pezas plásticas.
Aludec Saxonia S.A., do grupo Aludec, adquiriu recentemente a parcela número tres do Parque Empresarial da Reigosa que ten unha superficie total de 4.186 metros cadrados.
De acordo co proxecto presentado, a nave ocupará unha superficie de 2.573 metros cadrados, en soto, planta baixa e entreplanta. A planta soto terá unha superficie útil de 1.193,30 m², a planta baixa terá unha superficie útil de 2.233 m² dedicado a nave e 210 m² destinados a oficinas, e a entreplanta ten unha superficie útil de 322 m². Prevese un investimento na nave, incluída maquinaria e instalacións de máis de 4,3 millóns de euros.
A actividade principal da empresa é a metalización de pezas plásticas
A actividade principal da empresa é a metalización de pezas plásticas, correspondentes a pezas decorativas, emblemas e anagramas, compoñentes, para o automóbil. O proceso produtivo é o recubrimento de pezas plásticas de ABS con cromo decorativo, para o cal hai que aplicar previamente capas moi finas de metal, mediante un proceso electrolítico e químico.
Na reunión os responsables de Aludec Saxonia informaron o alcalde que o seu obxectivo é que esta nave comece xa a súa actividade en verán de 2015, para o cal pretenden iniciar as obras de inmediato unha vez conten con todas as autorizacións ambientais que tramita a Xunta.
O alcalde garantiulles que por parte do Concello se axilizarán ao máximo todos os trámites administrativos para que poidan contar canto antes coas correspondentes licenzas. Perfecto Rodríguez considera que a instalación desta nave por parte do grupo Aludec é unha extraordinaria noticia para o que Parque Empresarial da Reigosa pouco a pouco vaia converténdose nun motor de actividade económica e creación de emprego na bisbarra.
O rexedor é consciente que a situación económica impediu que algunhas empresas que adquiriron as parcelas puidesen afrontar a construción das súas naves, especialmente por problemas de financiamento. Das 49 parcelas que ten o parque, 24 están vendidas e 2 reservadas. Desas, hai 11 empresas xa instaladas e con actividade que ocupan 13 parcelas.
Nos próximos meses o grupo presentará outro proxecto para instalar outra nave na parcela número un deste parque
"Espero que poco a poco otras empresas comiencen en este año la construcción de sus naves y en unos años el Parque Empresarial de A Reigosa pueda convertirse en un motor de actividad empresarial e industrial y lo que es más importante también de generación de empleo", afirmou o alcalde.
De feito os responsables de Aludec informáronlle tamén o alcalde que nos próximos meses o grupo presentará outro proxecto para instalar outra nave na parcela número un deste parque, parcela xa adquirida cando foi inaugurado o polígono da Reigosa. Nesa futura nave, que será de maiores dimensións, a matriz Aludec S.A. pretende construír unha nova nave de produción, así como trasladar as oficinas centrais, co obxectivo de que o grupo empresarial teña centralizada a súa produción e oficinas na área empresarial que forman O Campiño e A Reigosa.