Aludec priorizará a contratación de desempregados de Ponte Caldelas para a súa fábrica

Ponte Caldelas
08 de outubro 2015

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, e o xerente de Aludec, S.A., Ernesto Lumbreras Peláez asinaron un convenio de colaboración mediante o cal a multinacional de compoñentes automobilísticos priorizará a contratación de desempregados do municipio como persoal para as súas fábricas instaladas no Parque Empresarial da Reigosa

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e o xerente de Aludec, Ernesto Lumbreras
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e o xerente de Aludec, Ernesto Lumbreras / Concello de Ponte Caldelas

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, e o xerente de Aludec, S.A., Ernesto Lumbreras Peláez asinaron un convenio de colaboración mediante o cal a multinacional de compoñentes automobilísticos priorizará a contratación de desempregados do municipio como persoal para as súas fábricas instaladas no Parque Empresarial da Reigosa.

O alcalde Andrés Díaz anuncioulle ao directivo de Aludec a intención do equipo de goberno de Ponte Caldelas de levar ao próximo Pleno Extraordinario da Corporación, que terá lugar neste mes de outubro, a proposta de exención do 50% do pagamento do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) para esta empresa, por razón de interese público e social, na licencia solicitada para unha nova nave que albergará as oficiñas centrais da multinacional que fixará a súa sede societaria no municipio de Ponte Caldelas.

A intención de esta empresa é concentrar tódalas súa produción nas factorías que posúe entre os polígonos de A Reigosa e O Campiño e nunha fábrica en Francia.

O CONCELLO RECEPCIONARÁ OS CURRÍCULOS

Ernesto Lumbreras, que sinalou que a empresa acaba de contratar xa a dúas persoas censadas en Ponte Caldelas, explicou que o desexo de Aludec é ir incorporando o seu plantel a veciños do municipio que estean en situación de desemprego. Para elo, indicou que establecerán un sistema de comunicación permanente entre a Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local, dependente do Concello de Ponte Caldelas, co fin de que o departamento de Recursos Humanos poda recibir os currículums incluídos na súa Bolsa de Emprego coa intención de que poidan ser analizalos e determinar cales encaixan no perfil que en cada momento puderan precisar para incorpora-los ás súas necesidades de produción.

Depois de pasar por unha serie de filtros e procesos de clasificación, as persoas que encaixen no perfil que precise Aludec en cada momento, serán chamadas por unha das tres multinacionais de traballo temporal coas que ten establecido un acordo esta empresa co fin de que lles fagan unha entrevista persoal para identificalos como posibles candidatos da bolsa de emprego da que se nutran as ETTs coas que opera Aludec.

Estas persoas poderán traballar en Aludec a medida que os distintos momentos e procesos produtivos demanden un maior persoal. Nestes momentos en Aludec traballa unha trintena de persoas empadroadas en Ponte Caldelas e as previsións da empresa é que ao longo do ano 2016 arredor de 15 ou 20 persoas sexan incorporadas aos seus procesos produtivos.

Arquivado en