Alianza y Barros e Pompas Fúnebres negocian con Xestur instalar o seu crematorio na Reigosa

Pontevedra
30 de maio 2013

Ademais de seguir todas as vías legais posibles para frear a iniciativa do Concello de Pontevedra e evitar a instalación dun monopolio no mercado funerario na cidade de Pontevedra, non renuncian tampouco, din, á vía iniciada no seu día para reconstruír a instalación que durante 17 anos "funcionou sen problemas" en Montecelo

Seguir todas as vías legais posibles para frear a iniciativa do Concello de Pontevedra e evitar a instalación dun monopolio no mercado funerario na cidade de Pontevedra. Ese é o camiño que percorrerán as compañías pontevedresas Pompas Fúnebres Pontevedra S.L. e  Alianza y Barros S.A. para "defenderse da sorprendente decisión" de bloquear todos os proxectos susceptibles de competir "co único que pretende permitir o Concello, o de Funespaña".

Nun comunicado conxunto aseguran que nese marco inclúen o anuncio que acaban de trasladar ao Xulgado do Contencioso Administrativo de Pontevedra de interpoñer recurso contra o recente acordo da Xunta de Goberno que desestimou a solicitude das dúas empresas para que se lles concedese licenza por silencio administrativo para levantar un tanatorio nos terreos do antigo ximnasio Teucro, en Arcebispo Malvar.

Ao contencioso aberto contra a decisión do Concello de suspender as licenzas para crematorio, sumarase agora este novo litixio, sen renunciar tampouco, din, á vía iniciada no seu día para reconstruír a instalación que durante 17 anos "funcionou sen problemas" en Montecelo.

As dúas empresas, ademais, exploran a posibilidade de promover a habilitación dun crematorio nalgún punto preto do termo municipal de Pontevedra "que os veciños da capital puideran percibir como seu, pola súa proximidade", e neste sentido manteñen unha negociación aberta coa sociedade Xestur para a adquisición dun terreo no polígono industrial da Reigosa, en Ponte Caldelas. O posible acordo, neste caso, depende en principio de que a entidade de capital público rebaixe "bastante" as súas pretensións económicas.

E así mesmo as funerarias están pendentes do informe solicitado a Deloitte Abogados para avaliar a posible resposta que se dará á proposta municipal sobre a modificación puntual do PXOM para establecer e regular o uso de crematorios, "unha resolución que deixou clara a posición de Antón Louro a favor de blindar o proxecto monopolista de Funespaña". Esa resposta das empresas non ten necesariamente que ir unicamente pola vía contencioso administrativo, senón que a análise inclúe tamén a opción da vía penal.

Sobre o contencioso que acaban de interpoñer, refírese ao proxecto que manteñen na finca situada entre as rúas do Arcebispo Malvar e Uruguai que adquiriron ao Colexio de Arquitectos. Nas reunións celebradas inicialmente co persoal técnico do Concello de Pontevedra e da Xunta de Galicia se concluíu que ese soar, en canto solo urbano destinado a equipamento, era idóneo para a instalación de tanatorio-crematorio, o que tamén se reflectiu na memoria descritiva do propio proxecto.

Coa decisión municipal de suspender temporalmente as licenzas para crematorio, as empresas presentaron no Concello o pasado decembro o proxecto básico para a construción dun tanatorio na mesma parcela, "sen que aquilo implicara en absoluto renunciar ao crematorio".

Transcorrido o prazo establecido legalmente para resolver a petición de licenza para executar esa actuación, de tres meses, Pompas Fúnebres e Alianza y Barros solicitaron a concesión da mesma por silencio administrativo positivo, unha demanda que a xunta municipal de goberno desestimou pouco máis de dúas semanas despois.