O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, celebrou a decisión do Tribunal Supremo sobre Ence, ao entender que "gañou a sensatez e a legalidade" ao avalar a continuidade da súa fábrica en Pontevedra ata o ano 2073.
Rueda, que se pronunciou sobre o fallo do alto tribunal a través das súas redes sociais, destacou que "despois de moitos meses de incerteza" os postos de traballo que xera a compañía pasteira en Galicia "quedan asegurados".
"Esta é a vitoria de moitas familias que van poder seguir vivindo e traballando en Pontevedra e en Galicia", sentenciou o presidente galego.
A este respecto, o conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou que o de hoxe é "día importante" para os traballadores de Ence e para toda Galicia.
A decisión do Supremo sobre a fábrica de Lourizán "reafirma o futuro" do proxecto industrial de Ence na comunidade galega e supón unha "oportunidade" para seguir construíndo un proxecto "no que levamos traballando moitos anos".
Conde confía en que a continuidade da factoría pontevedresa "reafirme" a aposta de Ence por Galicia e celebra que se demostrou que é "perfectamente compatible" a existencia de actividade industrial na costa coa necesidade de protexer o medio ambiente.