O secretario xeral do PSdeG-PSOE e concelleiro de Educación, Deportes e Universidade, Agustín Fernández González, segue a insistir na súa postura contraria ao proxecto da planta de compostaxe que promoven o Concello e a Deputación Provincial de Pontevedra e, nese camiño, ven de enviar unha carta aos presidentes das tres federacións de asociacións veciñais do municipio -Castelao, Teucro e Boa Vila- para convidalos a un debate público sobre o que cualifica como una "polémica iniciativa" que os socialistas "non compartimos tal e como está deseñada".
Na citada carta, Agustín Fernández insta aos dirixentes veciñais a que programen dende as súas organizacións un debate no que participen el, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e o presidente da Deputación, Rafael Louzán. Na súa opinión, trátase dunha proposta equilibrada ao incluírse unha representación dos tres grupos políticos presentes no Concello e na Deputación e tamén as tres persoas que xa teñen expresado posturas claras ao respecto. De todos os xeitos, amosa a súa disposición a debater do asunto "onde sexa e con quen queira facelo".
O socialista transmite aos representantes veciñais que si promoven esta iniciativa estarían a contribuír "de xeito loable" ao debate público sobre un asunto do máximo interese e no que "lamentablemente, ata o de agora faltou moita información que os cidadáns demandan e merecen".
"Non resulta nin comprensible que pretendan instalar unha instalación deste tipo nos montes comunais do noso concello"
O documento faise eco da preocupación que teñen expresado os veciños das parroquias do rural polos plans para instalar o que, segundo o PSOE, se convertería un vertedoiro e unha planta de compostaxe para acoller o lixo orgánico dun mínimo de 21 concellos da provincia. Recorda tamén a súa rotunda discrepancia, que xa deu a coñecer publicamente con anterioridade.
"Non resulta nin comprensible que pretendan instalar unha instalación deste tipo nos montes comunais do noso concello. E menos aínda que se faga de costas aos veciños e con tanto desprezo pola transparencia na acción pública", opina, reiterando que o proxecto ten a máxima trascendencia urbanística, medioambiental e económica para os intereses xerais de Pontevedra e os seus veciños.