Agustín Fernández acusa Lores e o BNG de ser "uns traidores" pola súa posición coa planta de compostaxe

Pontevedra
10 de xaneiro 2015

O secretario local do PSOE en Pontevedra e candidato á alcaldía asegura que os seus socios no goberno local "minten e enganan" á cidadanía coa instalación da planta de residuos, tras confirmarse que a súa situación será A Canicouva

Rolda de prensa do PSOE de Pontevedra sobre a planta de compostaxe
Rolda de prensa do PSOE de Pontevedra sobre a planta de compostaxe / PontevedraViva
Agustín Fernández critica a Lores tras a elección da Canicouva para a planta de compostaxe /

Duras acusacións as vertidas este sábado polo secretario local do Partido Socialista de Pontevedra e candidato á alcaldía, Agustín Fernández, en relación á elección da Canicouva como situación da futura planta de compostaxe, revelada o venres polo alcalde e o concelleiro de Infraestructuras.

Fernández asegura que "Lores e o BNG son uns traidores porque traicionan a Pontevedra e aos seus votantes", ao entender que non manteñen a postura que a súa formación política defendeu no ano 97 contra a empacadora proxectada en Vilaboa, na que "capitanearon e rentabilizaron a oposición a súa instalación".

O socialista, socio de goberno no Concello de Pontevedra e actual concelleiro de Deportes, vai máis alá ao acusar os nacionalistas de mentir e enganar os cidadáns:"Enganan porque non se presentaron as eleccións cun programa electoral onde se recollera que ían montar un vertedoiro de lixo en Pontevedra. E minten porque esconden a realidade do que hai detrás, falar dunha planta de compost cando en realidade do que se trata é de montar un vertedoiro tradicional",  declarou o responsable local do PSOE ante os medios de comunicación.

Agustín Fernández: "Perden a súa credibilidade porque minten e porque enganan"

A oposición do seu grupo á instalación da planta de compostaxe trasladarase ao Pleno Municipal, no que "presentaremos iniciativas", asegura, ao tempo que "seremos moi estrictos no cumprimento dos parámetros urbanísticos", avisa Agustín Fernández.

Os socialistas manteñen que "nin A Canicouva nin outras parroquias merecen unha planta de compost", mentres sinalan que o acordo entre a Deputación e o Concello en relación a este tema "confirma que hai un pacto sólido entre o PP de Louzán e o BNG de Lores. O que non sabemos é cales son os beneficios para Pontevedra".

Malia as importantes discrepancias Fernández asegura que seguirá formando parte do goberno local:"Fixémolo alcalde en base a un proxecto que se está levando a cabo, nós cumprimos pero esto non está incluído no pacto", xustifica o candidato do PSdeG-PSOE.

Arquivado en