"Agosto histórico" para o turismo, co 100% de ocupación en vivendas vacacionais

Pontevedra
02 de setembro 2022

Os concellos de Pontevedra, Poio e Sanxenxo lideran este ránking de ocupación total de vivendas turísticas. Outro punto forte no mes de agosto foi o turismo rural, onde a comarca de Caldas de Reis acadou un 98,7% de ocupación

Praia de Silgar
Praia de Silgar / Mónica Patxot

A provincia de Pontevedra pecha o mes de agosto cuns datos de ocupación que superan amplamente os rexistrados non só no ano 2021 senón os acadados en períodos de prepandemia.

Como "histórico" cualificou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o mes que vén de rematar. "Un agosto histórico con datos récord en todas as comarcas: superamos a 2021 e a prepandemia. Somos o bastión turístico de Galicia", manifestaba a presidenta provincial acompañada da deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias.

A media de ocupación na provincia de Pontevedra foi do 90,9%, un dato que supera en case 8 puntos as cifras de anos anteriores. Tanto en 2021 como en 2019 a ocupación foi do 83%.

Nestes datos, destaca a porcentaxe de ocupación das vivendas turísticas, cun 99% de media en toda a provincia, o que levou á maioría destes establecementos a colgar o cartel de completo. Os concellos de Pontevedra, Poio e Sanxenxo lideran este ránking cun 100% de ocupación neste tipo de aloxamento. Moi preto deste dato, co 95% de ocupación, sitúanse os concellos de Marín, Vilaboa e Vilagarcía.

En segundo lugar de ocupación sitúase o turismo rural, cun 91,5% en toda a provincia de Pontevedra. Pola súa banda, as instalacións de cámping acadaron o 82,4%.

Tamén os castelos da provincia foron puntos de grande interese para os viaxeiros. Entre o castelo de Soutomaior e o de Sobroso sumaron máis de 10.000 visitantes.

LIDERADO DAS RÍAS BAIXAS

Dentro da provincia, a zona que lidera esta suba notable do turismo é as Rías Baixas, onde Sanxenxo volve a ser o concello da zona coa maior cifra de pernoitas, cun 91,4 % de ocupación. Séguelle O Grove, con 90,7% e Pontevedra con 86,2. Todos eles superan os datos de 2021 e 2019.

Outro punto forte foi o turismo rural, onde a comarca de Caldas de Reis acadou un 98,7% de ocupación, o Morrazo un 98,6%, a comarca de Pontevedra un 89,6% e a do Salnés un 89,5%.