AGE demanda que se execute a sentenza dos recheos do porto garantindo o 100% dos postos de traballo

Marín
28 de novembro 2014

O deputado Juan Fajardo recoñece que a execución da sentenza ten "dificultades técnicas", de aí a necesidade de que se redacte un proxecto técnico previo. A maiores, e con anterioridade á execución, pide que se redacte un proxecto de reubicación industrial e a existencia dun plan de viabilidade "para que non se perda nin un só dos empregos"

Integrantes de AGE visitan Os Pracres, cos recheos do Porto de Marín ao fondo
Integrantes de AGE visitan Os Pracres, cos recheos do Porto de Marín ao fondo / PontevedraViva

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) reiterou este venres a demanda xa planteada no Parlamento de Galicia de que se execute a sentenza que ilegaliza os recheos do Porto de Marín. Fíxoo o deputado Juan Fajardo durante unha visita á zona de Os Praceres, cos recheos portuarios ao fondo, na que reclamou que antes de executarse a resolución xudicial se constitúa unha mesa técnica para abordar a mellor maneira de actuar.

Fajardo recoñece que a execución da sentencia ten "dificultades técnicas", de aí a necesidade de que se redacte un proxecto técnico previo. A maiores, e con anterioridade á execución, pide que se redacte un proxecto de reubicación industrial que garanta o 100% dos postos de traballo. 

"Non se pode ter as Rías como polígonos industriais, son zonas de riqueza pesqueira, marisqueira..." 

Ese proxecto de reubicación esixe a aplicación dun plan de viabilidade "para que non se perda nin un só dos empregos" e tamén buscar alternativas que permitan crear moitos máis empregos dos que existen na actualidade.  Para facelo posible é necesario deseñar unha política portuaria "correcta", pois "non se pode ter as rías como polígonos industriais porque non son polígonos industrias, son zonas de riqueza pesqueira, marisqueira..." .

O deputado de AGE criticou que nos últimos tempos outras forzas políticas o acusaran de ir contra os traballadores por pedir a execución da sentenza. Queixase de que "hai determinadas organizacións politicias que, ante unha ilegalidade, o que fan é tratar de matar ao mensaxeiro", pois "o que non se pode é cargar contra aqueles que o único que piden é que se cumpla a lei".

Ao respecto, asegura que Alternativa Galega de Esquerda "en ningún caso" puxo en cuestión o futuro do emprego no porto de Marín nin nas empresas que ocupan a zona dos recheos, senón que o seu partido o único que di é que hai unha sentenza e que os responsables desa sentenza son "os responsables políticos que permitiron unha ilegalidade".

"Cando nos demos conta en vez do Porto de Marín teremos o Porto de Marín-Sanxenxo, poderemos seguir camiñando"

Na opinión de Fajardo, "os únicos que teñen que pagar son os responsables políticos desa barbaridade", de aí que a súa proposta é que hai que garantir tanto o mantemento do emprego como a compensación económica ás empersas que "de boa fe ocupan ese espacio" para que, deste xeito, "as empresas continuén e os traballadores continúen".

A execución da sentenza debe levar aparellada, na súa opinión, que os responsables políticos paguen as indemnizacións multimillonarias que cre que terían que darlle ás empresas e traballadores afectados. Tanto para resarcir aos prexudicados como a modo de "medicina preventiva", pois opina que se non se castigan este tipo de irregularidades "cando nos demos conta en vez do Porto de Marín teremos o Porto de Marín-Sanxenxo porque será un recheo continuado ata Sanxenxo e poderemos seguir camiñando".