AGE asegura que o paso do tren por Praceres é un exemplo de "corrupción política ao máis alto nivel"

Pontevedra
30 de marzo 2013

A problemática do paso do tren ao Porto de Marín por Os Praceres chegará ao Parlamento galego. Farao da man de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) que rexistrará esta semana unha iniciativa coa que se pretende esixir ao Ministerio de Fomento que cumpra as sentenzas dictadas polo Tribunal Supremo e proceda a soterrar o tren e devolver esta praza pública ao seu estado orixinal

Responsables de AGE e Esquerda Unida, na rolda de prensa cos veciños de Os Praceres
Responsables de AGE e Esquerda Unida, na rolda de prensa cos veciños de Os Praceres / PontevedraViva

A problemática do paso do tren ao Porto de Marín por Os Praceres chegará ao Parlamento galego. Farao da man de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) que rexistrará esta semana unha iniciativa coa que se pretende esixir ao Ministerio de Fomento que cumpra as sentenzas dictadas polo Tribunal Supremo e proceda a soterrar o tren e devolver esta praza pública ao seu estado orixinal.

Segundo Juan Fajardo, deputado de AGE, "estamos ante un exemplo de corrupción política ao máis alto nivel", ao entender que coa decisión de Fomento de eliminar os pasos a nivel creando dous pasos subterráneos para os peóns e vehículos e ocultando o tren cunha barreira vexetal "non só se actua contra os veciños, senón que se incumple deliberadamente varias sentenzas, obrigando aos afectados a gastar os seus cartos para que se cumpra a lei".

Tras destacar que estas decisións tómanse "no domicilio particular de algúns", en referencia ao matrimonio de Ana Pastor co presidente do Porto de Marín, José Benito Suárez Costa, Fajardo demandou unha explicación pública "de todo este entramado portuario do que algúns sacan beneficio económico", xa que ademais do tren, enumerou outras "irregularidades" como os recheos do Porto ou a cesión de terreos entre Marín e Pontevedra.

"Se isto sae adiante suporá un precedente perigoso que condenará a veciños de todo o Estado que están nesta mesma situación, como os de Vilagarcía", destacou Juan Fajardo. "Non é de recibo sacarlle unha praza aos veciños e facer con ela o que lle dá a gana cando a xustiza non lle dá a razón". Por iso é polo que insistise en que "hai que acabar con estas prácticas políticas" e que o Goberno debe "cumprir as sentenzas aínda cando non lles gusten".

Acusou a BNG e PSOE de "deixar orfos" aos veciños de Praceres e preguntouse se detrás desta conduta "é que hai algo que ocultar"

Pero o deputado de AGE tamén cargou contra o Concello de Pontevedra ao que acusou de "hipocresía". Afirmou que o goberno municipal defende un modelo urbano "pequeno burgués", xa que denunciou que "defende a recuperación de espazos públicos na cidade, pero o que pasa no rural lles dá igual". Acusou a BNG e PSOE de "deixar orfos" aos veciños de Praceres e preguntouse se detrás desta conduta "é que hai algo que ocultar".

Neste mesmo sentido manifestouse a portavoz de Esquerda Unida en Pontevedra, Vanessa Angustia, que sinalou que o Concello de Pontevedra "leva 13 anos sen preocuparse por isto" e lles instou a que presenten un recurso contencioso administrativo contra os plans do Ministerio de Fomento e, en todo caso, neguen a licenza para executar estas obras. "Só se o fai deixarán de xogar a dúas bandas", destacou.

Xunto a eles compareceron tamén representantes da plataforma veciñal de Os Praceres. Eladio Torres criticou a "aberración" que supón este proxecto e o "disparate de cartos" que Fomento prevé investir nel, todo para "non darlle a razón á xustiza nin aos veciños". Pero moito máis duro foi Jaime Acuña, quen lamentou que os afectados leven trece anos inmersos nunha "loita desigual" e que logo de todo ese tempo "sigamos mareando a perdiz por unha decisión evidentemente política".