Os últimos coñecementos, tendencias, técnicas e avances relacionadas co ámbito do deporte e a saúde serán presentados e aplicados nunha nova edición do Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e a Saúde, que se celebrará do 3 ao 5 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.
"Pontevedra pode presumir de organizar un congreso de carácter internacional ano tras ano", foron as palabras que Víctor Arufe, un dos organizadores, quixo destacar este mércores durante a presentación do evento no Concello. A concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, resaltou ademais "o orgullo" que supón para a cidade acoller acontecementos destas características, que supoñen un "estupendo escaparate" da cidade.
O xoves 3 de maio a xornada será maiormente deportiva, con ponencias sobre o mundo da Educación Física. A nota dinámica poñeraa unha visita, ás 18.00 horas, a unha adega de viño albariño, en Meaño. Ao día seguinte, o venres, terán lugar ao redor de seis talleres prácticos, ademais dunha visita ao Casco Histórico de Pontevedra. O sábado 5 clausurarase a cita deportiva coa entrega de diplomas.
Os asistentes poderán gozar dunha visita a unha adega e ao Casco Histórico de Pontevedra
O Congreso, que xa conta con máis de 250 participantes (aínda que se espera que a cifra supere os 300), desenvolverase de forma parecida ás edicións doutros anos. Centos de estudantes e profesionais do ámbito deportivo e sanitario daranse cita para gozar dunha programación que incluirá ao redor de 20 conferencias, talleres e charlas, entre outras, impartidas por docentes e profesionais, algúns deles procedentes de Cuba e Brasil.
José Luis García Soidán, especialista en Fisioloxía do Esforzo e profesor da Universidade de Vigo, quixo reivindicar durante a presentación a "necesidad de formación" que existe no ámbito deportivo e da saúde. É por iso que este acto supón unha importante oportunidade para que os técnicos adquiran formación deportiva e sanitaria.
Víctor Arufe quixo recalcar que, entre os asistentes ao Congreso, atópanse técnicos de procedencia internacional. México, Alxeria, Costa Rica e Colombia, entre outros, son algúns dos países que estarán representados neste evento deportivo. A nivel estatal, profesionais de todas as comunidades autónomas de España gozarán, un ano máis, dunha intensa programación.
O prazo de inscrición continúa aberto en www.sportis.es.