A plataforma de afectados pola autovía A-57 no tramo entre Bora e Xeve pide aos partidos locais "que defendan o seu territorio e os seus veciños" e reclaman a BNG, PSOE e PP "máxima implicación para frear este trazado de enorme impacto ambiental".
Este colectivo reacciona ante a aprobación do documento técnico sobre o segundo tramo da A-57, nestas parroquias. Este trámite é a fase previa a licitar a redacción do proxecto, "que será un punto de non retorno na destrución de boa parte do rural de Pontevedra", aseguran.
Esta plataforma considera que o trazado proposto polo ministerio "non beneficia a Pontevedra, responde a intereses nacionais, prexudicando ao municipio e os seus veciños".
Nun comunicado este colectivo lamenta que o Goberno central siga dando pasos para construír unha autovía que "danará de morte á maioría das parroquias do municipio".
Argumentan que a futura licitación do proxecto construtivo supoñerá máis de 100 millóns de diñeiro público "nun tramo dunha vía que ningún cidadán particular demanda e que só beneficiará ás construtoras".
Esta plataforma de afectados cifra o custo total da autovía en "máis de 300 millóns, uns 3.750 euros por pontevedrés" pero "Pontevedra seguirá sen circunvalación se se remata a A-57. Tampouco conectará Pontevedra con Madrid, xa que nin está nin se espera o proxecto de conexión coa A-52. Esta autovía nace e desemboca na AP-9 e así seguirá décadas".
Entenden que a recente aprobación do expediente de información pública "insiste nun erro que leva cometendo desde Madrid desde hai máis de 20 anos, demostrando que non coñecen o terreo e evidenciando a súa falta de sensibilidade con Pontevedra, en parte, pola pouca implicación da política local e a falta de coñecemento do trazado".
Se o proxecto segue adiante, advirten de que "multitude de veciños e centenares de casas van estar afectados por esta autovía, moitas delas quedarán enterradas nos nós de acceso que se van a construír nas parroquias de Bora e Xeve".
Para eles este trazado supón unha "flagrante vulneración dos valores ambientais e patrimoniais" e ha lembran que suscitado 60.000 alegacións en contra.
Segundo destacaron estes veciños, o informe de impacto ambiental "recoñece que a vida a 230 metros da autovía será moi difícil polos niveis de ruídos, que superarán o límite permitido". O documento identifica máis de 170 casas nesta situación en Bora e Xeve.
O proxecto afectará a 6 hectáreas de Rede Natura de Especial Protección nas inmediacións do Lérez, e patrimonio como mámoas e un camiño medieval. Aínda non se especificou o número de casas que terán que ser expropiadas.