Afectados da A-57 e persoal municipal trasladan as protestas a un pleno con referencias á "fruta" de Díaz Ayuso

Pontevedra
20 de novembro 2023

O pleno ordinario celebrado este luns 20 no Teatro Principal aprobou mocións sobre a mellora de desprazamentos de persoas con discapacidade visual; regulación de vivendas de uso turístico; mellora do alumeado público; un plan de choque para os camiños do rural pontevedrés e actuacións urbanas en Monte Porreiro

Protesta polo trazado da A-57 no pleno municipal
Protesta polo trazado da A-57 no pleno municipal / Mónica Patxot

Representantes do persoal municipal e do colectivo veciñal de Bora e Xeve coincidían nas súas protestas na mañá deste luns no Teatro Principal con motivo da celebración do pleno da corporación. Ámbolos colectivos demandan diálogo por parte do goberno local.

O persoal municipal segue reclamando melloras salariais e laborais manifestando durante o pleno que levan seis anos pedindo unha reunión co Alcalde para tratar estas cuestións. Os representantes sindicais despregaron unha pancarta durante a sesión na que se lía "Máis negocacion, menos imposición".

Durante o desenvolvemento do pleno interromperon en varias ocasións con aplausos e apupos as intervencións dos representantes políticos. O momento máis tenso viviuse cando César Mosquera, concelleiro nacionalista, dirixiuse a eles dicindo: "poden facer o ruído que queiran porque o 10% de suba non o van conseguir esteamos nós no goberno ou quen estea", momento en que o persoal asistente comezou a corear: "non, non, non a esta inquisición".

Iván Puentes, portavoz socialista, criticou as palabras de Mosquera que cualificou de "afirmacións grosas" por dicir "que nunca xamais se vai conseguir nada" e demandou o respecto ás maiorías e á capacidade de decisión do pleno "e a vontade dous veciños que non só están representados polo BNG".

Tamén Rafa Domínguez, portavoz municipal do PP, recriminou a conduta do concelleiro nacionalista: "señor Mosquera, no se puede venir a provocar a la gente, a provocar a los funcionarios". Ambas as intervencións obtiveron o aplauso do público. O aludido respondeu, por alusións, lembrando as recentes declaracións de Domínguez como vicepresidente da Deputación: "cando sae publicamente dicindo que os bombeiros da Deputación non están cumprindo os servizos mínimos está a acusalos practicamente dun delito bastante máis grave. Non é precisamente quen para falar destas cousas"

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, insistiu en que co ruído que se rexistraba no patio de butacas era "difícil entenderse" cando se estaba aprobando unha moción por unanimidade. E dirixiuse ao grupo popular por rirse dos apupos: "faiche graza que estean montando bulla aí? xa cha montarán a ti tamén", afirmou.

AFECTADOS POLO TRAZADO DA A-57

Tamén o colectivo de residentes das parroquias afectadas polo trazado da A-57 acudía ao pleno reivindicando que o alcalde se poña "de parte dos veciños de Xeve e Bora", manifesta a portavoz Mari Carmen Tenorio. Acusa ao BNG de cambiar de criterio: "se isto non lle servía en 2003, por que lles serve agora? por que non defenden os veciños?", pregúntase.

Insisten en que a obra prevista non solucionará os tráficos e os atascos da cidade xa que afectará a tráficos pesados e de longo percorrido. "Se hai que facela para conectar os polígonos que se faga, pero que toda a poboación do Concello quede dentro dese cinturón", engadiu a portavoz, que lembra que levan anos pedindo unha entrevista con Miguel Anxo Fernández Lores para que se implique cos afectados. Tamén demandan a Iván Puentes, portavoz municipal socialista, que pida unha solución ao novo goberno de Pedro Sánchez.

Ao final do pleno varios dos portavoces saíron ao paso de Lores e Mosquera para reclamarlles o apoio á súa causa, ao que o alcalde contestáballes que se trataba dunha competencia que non era municipal. Os manifestantes anuncian que continuarán mantendo estas protestas ata que consigan que atendan as súas peticións.

REFERENCIA A DÍAZ AYUSO

O pleno tivo momentos de referencia ao enfrontamento entre PP e PSOE no ámbito estatal con citas ao debate de investidura en que non faltaron nin Machado nin Ismael Serrano.

O comentario máis destacado foi o do socialista Iván Puentes nunha resposta a Rafa Domínguez no debate sobre a regulación das vivendas de uso turístico. Nese momento, facía mención á xustificación que Pepa Pardo, concelleira do PP, fixo en redes sociais ao redor do insulto de Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidad de Madrid, ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez. "Provocaba moita risa en redes sociais á señora Pardo e dicía que tamén lle gustaba a "fruta" exactamente igual que á señora Ayuso", expuxo Puentes. 

Ao final, o punto sobre a busca de fórmulas para regular as vivendas turísticas en Pontevedra aprobouse cos votos do PSOE, grupo que levaba a moción a pleno, e do BNG; e a abstención dos dez concelleiros populares. Tamén se aprobaban as mocións presentadas polo grupo do PP en relación a realizar melloras que faciliten os desprazamentos das persoas con discapacidade visual, defendida por Silvia Junco; e a de mellora da iluminación pública en toda a cidade, defendida por Rafa Domínguez. Ambas foron aprobadas por unanimidade.

Outra moción popular, reclamando ao Concello melloras urxentes no barrio de Monte Porreiro, foi aprobada por unanimidade co engadido, solicitado polo grupo do PSOE, de instar tamén á Xunta de Galicia a que cumpran as promesas efectuadas por parte do PP fai máis dunha década das que aínda quedan por investir máis de oito millóns de euros no barrio pontevedrés. 

Tamén era aprobado co apoio da corporación a petición socialista de elaborar un plan de choque e mantemento regular para os camiños do rural e iluminación pública no municipio, ademais da solicitude de concesión de augas para abastecer os concellos integrados no sistema conxunto de abastecemento a Pontevedra e a súa ría, que presentaba o concelleiro nacionalista Xaquín Moreda. O único punto que non contou co apoio da corporación foi a proposta de aprobación de facturas sen previa tramitación ao opoñerse o PP e absterse o PSOE á moción do grupo de goberno.

Arquivado en