Adxudicadas as obras de construción do punto limpo de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
01 de agosto 2015

O prazo de execución desta actuación é de tres meses e unha semana, polo que a Consellería de Medio Ambiente prevé que os traballos se rematen este mesmo ano

Vertedura de lixo e entullos en Mourente
Vertedura de lixo e entullos en Mourente / PontevedraViva

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de adxudicar as obras de construción do punto limpo do Concello de Ponte Caldelas, por un importe de 285.448 euros. Este contrato foi adxudicado á empresa Atlántica de Construción e Medio Ambiente SL, cun prazo de execución de tres meses e unha semana; polo que as obras estarán rematadas en 2015.

Esta instalación, cuxo mantemento deberá asumir o concello, permitirá o depósito e clasificación daqueles residuos urbanos ou domésticos que requiran dunha xestión específica polo seu tamaño, natureza ou perigosidade, co fin de separar os residuos xerados nos fogares que representen un risco para o ambiente ou a saúde coma os medicamentos, pilas e pinturas, entre outros.

Tamén permitirá evitar a vertedura incontrolada de entullos e residuos voluminosos como mobles ou electrodomésticos; e facilitar a recuperación dos recursos contidos nos residuos para a súa reciclaxe.

O punto limpo permitirá aos case 6.000 cidadáns do concello Ponte Caldelas realizar o depósito de residuos para a súa posterior separación e clasificación, mellorando a loxística na xestión.

Arquivado en