Advirten sobre a "falsa sensación de seguridade" que crean os test covid-19 nas farmacias

Pontevedra
17 de outubro 2020

Os facultativos pontevedreses entenden que os test para detectar o virus "son só unha parte" da avaliación clínica do paciente polo que "deben ser prescritos sempre" por un médico, como expresa "claramente" o ordenamento das profesións sanitarias

Realización dun test PCR no Recinto Feiral
Realización dun test PCR no Recinto Feiral / Mónica Patxot

O Colexio de Médicos de Pontevedra mostrou a súa "preocupación" ante a campaña para realizar test rápidos de dobre banda para detectar a covid-19 nas farmacias galegas.

Os facultativos pontevedreses entenden que os test para detectar o virus "son só unha parte" da avaliación clínica do paciente polo que "deben ser prescritos sempre" por un médico, como expresa "claramente" o ordenamento das profesións sanitarias.

A través dun comunicado sinalan ademais que estas probas deben realizarse nunha "contorna asistencial adecuada" e cun persoal que estea "adestrado" para facelos, para garantir a seguridade dos pacientes.

"Parécenos unha temeridade que se realicen estes test sen ter en conta aos profesionais médicos", sinala o Colexio de Médicos, que advirte da "falsa sensación de seguridade" que un resultado positivo pode inducir na cidadanía.

O organismo médico lamenta que Sanidade "obvie" a opinión e o asesoramento dos profesionais médicos na súa toma de decisións, "sobre todo polas implicacións que estas campañas poden ter na Atención Primaria, xa enormemente  sobrecargada".

A este respecto, avanzan que a asesoría xurídica do Consello Galego de Médicos está a estudar esta campaña e non descartan tomar medidas para que se suspenda.