Aberto o prazo de presentación de ofertas para asumir a vixilancia da Illa de Tambo

Poio
28 de febreiro 2023

O contrato contará cunha duración máxima de catro anos, tres dos cales serán prorrogables, cun orzamento total de algo máis de 102.000 euros

A Illa de Tambo
A Illa de Tambo / Mónica Patxot

Xa está aberto o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas para completar a licitación do servizo de vixilancia e seguridade na Illa de Tambo. 

O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís, sinalou que é unha prestación "indispensable" para garantir a protección e seguridade das persoas que visitan este enclave, ao tempo que "consolida a preservación deste emblemático espazo da ría de Pontevedra", que conta con elementos de gran riqueza e valor patrimonial, histórico, natural e medio ambiental. 

Neste sentido, o concelleiro recalca a importancia de que estes traballos sexan acometidos por unha empresa especializada nesta materia, toda vez que "a día de hoxe o Concello de Poio non dispón dos medios humanos e os recursos materiais e técnicos axeitados para garantir o servizo".

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa sesión do pasado día 21 de febreiro o inicio do proceso de licitación, que culminará nas vindeiras semanas. A previsión do Goberno local é que este servizo estea operativo desde principios do mes de abril, coincidindo coa Semana Santa, momento no que se retomarán as visitas guiadas iniciadas no verán de 2022 e que se prolongaron ata practicamente finais de ano. 

O contrato inclúe a contratación de persoal de seguridade, cun horario de 10 horas de prestación entre o 1 de xullo e o 15 de setembro, ambas datas incluídas, ademais de en Semana Santa.

Con respecto á duración do contrato, terá vixencia dun ano, desde o momento da súa sinatura, coa posibilidade de establecer tres prórrogas por un período de 12 meses cada unha. O orzamento contemplado para cubrir os catro anos de servizo ascende a un total de 102.520 euros. 

Gregorio Agís lembra que é posible coñecer a Illa de Tambo a través de visitas guiadas, cuxas reservas se poden efectuar desde a páxina web do Concello de Poio e de Turismo de Poio. As embarcacións das navieiras que se encargan de xestionar os desprazamentos parten desde o peirao de Combarro. 

 

Arquivado en