A Zona Monumental rexeita o crematorio fronte á ponte do Burgo

Pontevedra
07 de novembro 2012

O presidente do Centro comercial urbano Zona Monumental cre que ofrecería unha mala imaxe para o centro histórico

Miguel Lago, presidente do Centro comercial urbano Zona Monumental, indicou que "non lle parece normal" o proxecto de construción dun tanatorio-crematorio na parcela de Arcebispo Malvar situada ante unha das entradas ao centro histórico de Pontevedra. Indicou que sería unha "mala imaxe como porta á Zona Monumental" e engadiu que nin sequera sería operativa porque non existe espazo para aparcar os coches e autobuses nos que se trasladarían a ese edificio.

Estas declaracións realizounas tras asinar o convenio co Concello por un importe superior a 22.000 euros que irán destinados á subvención de actividades da asociación como a realización de distintos eventos como a Feira do Mel, ponte Nadal ou Volta ao cole.

O alcalde, Miguel Fernández Lores, realizaba a firma do convenio acompañado pola concelleira de Promoción económica, Carlota Román, que sinalou a importancia do comercio local ante as grandes superficies.