A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, solicitou a implicación dos concellos no saneamento da ría de Pontevedra reparando a rede de sumidoiros, que no caso da capital presenta máis de 100 deficiencias. Así o dixo na reunión da mesa polo saneamento da ría de Pontevedra, na que participaron as confrarías de mariscadores e bateeiros xunto cos concellos de Pontevedra, Marín e Poio e a propia Xunta.
A día de hoxe o 30% do caudal da auga que entra na EDAR dos Praceres é auga de mar. "Iso significa que a rede de colectores de Pontevedra infiltra moitísima auga de mar", o que supera a capacidade da depuradora e dana os seus equipos de tratamento, segundo asegurou a conselleira.
Tras lembrar que a saúde desta ría está "en risco real", Ethel Vázquez indicou que os problemas xa foron detectados e que "temos un plan que non é ningunha improvisación nin unha novidade" que esixe actuar na mellora depuradora dos Praceres e no emisario submarino a cuxo proxecto se poderá presentar alegacións proximamente por parte dos afectados, "que incorporaremos na medida do posible".
A mesa acordou licitar e iniciar a contratación das obras "ao mesmo tempo" do emisario e a mellora da actual EDAR.
Ethel Vázquez tamén informou que na mesa "afondamos en algo que consideramos fundamental todas as partes" que é a "imprescindible e necesaria mellora da rede de colectores e de saneamento na que temos detectadas importantes deficiencias" das que foron informados o pasado mes de xuño os concellos de Pontevedra, Marín e Poio.
A conselleira trasladou ás partes "nosa disposición a seguir colaborando" neste problema detectado na rede de rede de sumidoiros.
Ethel Vázquez tamén reprochou a actitude dos representantes do concello da capital que acudiron á reunión, segundo declarou, "pensando que a súa rede de colectores está perfecta" e "o certo" é que o sistema de rede de sumidoiros da cidade do Lérez "ten moitas deficiencias detectadas e informadas" e é "imprescindible" que o Concello de Pontevedra "inicie os arranxos importantes dos colectores que son da súa competencia".
A titular de Infraestruturas no goberno galego, da que agora depende Augas de Galicia, lembrou que o plan de saneamento está a deseñarse como un instrumento "para axudar aos concellos dentro das súas competencias".
"Parecía que o Concello de Pontevedra estaba no ano 2015, os demais estamos no 2018 querendo sanear canto antes a ría", apuntou Ethel Vázquez.
Sobre a pretendida ampliación da depuradora dos Praceres, a conselleira indicou que "seguiremos avanzando en función do que nos vaian dicindo os técnicos de Augas de Galicia", aínda que en todo caso precisou que esa decisión é "máis a medio prazo que de maneira inmediata".
Pola súa banda, a tenente de alcalde de Pontevedra, Carme da Silva, lamentou que na mesa para o saneamento da ría "non se nos deu ningunha información nova" por parte da consellería. "Para iso non facía falta vir ata aquí", dixo.
Carme da Silva dixo que desta reunión esperaba obter "información técnica e oficial" do plan de saneamento local e unha explicación de "por que afírmase que é necesario ampliar a EDAR" xa que "nós non coñecemos ningún documento no que iso se sustente". Neste sentido, reiterou que o Concello de Pontevedra mantén o acordo unánime da corporación local opoñéndose a que se amplíe a depuradora en Lourizán.
A tenente de alcalde tamén sinalou que no caso do emisario submarino "é incompatible co plan urbanístico de Pontevedra" polo que presentarán alegacións neste sentido.