A Xunta de Galicia ratificou este venres a nova regulación dos crematorios aprobada polo Pleno da Corporación de Pontevedra e sobre a que hai unha forte oposición veciñal na zona da Parda e San Amaro. Na votación plenaria só apoiaron a proposta os grupos municipais do BNG e do PSdeG e o Partido Popular opúxose. Os 'populares' galegos si a respaldan.
A Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas ratificou, en concreto, o acordo plenario que aproba unha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana para regular o uso dos crematorios ao determinar que o contido e alcance da proposta municipal non incide sobre materias de competencia autonómica.
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal corresponde á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Segundo explican, a Xunta limitouse a comprobar a integridade documental do expediente e a secretaría xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo notificoulle este venres a resolución de conformidade ao Concello.
Desta maneira recibe o respaldo definitivo a modificación do PXOU. Tras a notificación da orde, o Concello de Pontevedra deberá publicar no Boletín Oficial da Provincia a normativa íntegra contida na modificación puntual. Xa foi aprobada inicialmente polo Pleno o 28 de outubro de 2013, someteuse a información pública e o 17 de novembro de 2014 contestouse ás alegacións veciñais e aprobouse de xeito provisional.
O novo regulamento ten como finalidade regular os crematorios como servizo público, engadíndoo aos usos e actividades previstos no PXOU actualmente en vigor. Na modificación aprobada, o uso crematorio establécese como prohibido no solo clasificado polo PXOU coma urbano ou núcleo rural, agás cando é complementario de cemiterios, tanto existentes ou novos. Tamén se admite en zonas industriais.
En todos os casos, a nova regulación establece a necesidade de manter unha distancia de 50 metros dende o límite da parcela na que se sitúe a edificación de crematorio, respecto daquelas parcelas destinadas a usos residenciais, terciarios ou equipamentos comunitarios excepto cemiterios, así coma dos lindes con concellos limítrofes.
No que se refire á compatibilidade deste uso co solo clasificado no PXOU coma non urbanizable ou rústico, permítese a implantación de crematorios no solo rústico de protección ordinaria, agropecuaria e forestal sempre que sexa compatible cos valores obxecto de protección, requirindo a tramitación dun Plan Especial de Infraestuturas e Dotacións.