As conselleiras de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e do Mar, Rosa Quintana, presentaron este mércores en Pontevedra as conclusións do estudo de alternativas para a ampliación da actual estación depuradora de augas residuais (EDAR), que propón catro posibles ubicacións para a nova depuradora.
Das catro opcións viables, o estudo conclúe que a mellor alternativa desde todos os puntos de vista para afrontar a ampliación sería facelo no actual emprazamento en Praceres.
Así llo avanzou Beatriz Mato, aos membros das confrarías de pescadores da zona e representantes municipais dos concellos de Pontevedra, Poio e Marín no transcurso dunha nova reunión de traballo sobre o plan de saneamento da ría.
A conselleira de Medio Ambiente adiantou que "en breve" o seu departamento iniciará a tramitación ambiental e administrativa co fin de obter a concesión de Costas para a ocupación dos terreos anexos necesarios para facer a ampliación, así como a redacción do correspondente anteproxecto para poder licitar as obras tan pronto como se completen estes trámites.
MELLORA DA ACTUAL EDAR
Polo que respecta ás melloras previstas na actual EDAR, unha vez resoltas favorablemente por Costas as concesións que regularizan os terreos de dominio público da depuradora e do emisario actual, Augas de Galicia ten xa moi avanzados os trámites previos para poder licitar esta actuación.
Así, o anteproxecto está redactado e actualmente atópase en fase de supervisión, polo que está previsto poder sometelo a información pública ao longo do mes de outubro. As melloras previstas na actual EDAR de Praceres, engadiu a conselleira, suporán un gran avance para o saneamento da ría de Pontevedra xa que permitirá mellorar “substancialmente” todos os parámetros de calidade do vertido antes da posta en marcha da nova depuradora.
Esta mellora provisional da EDAR conta cun investimento de 16 millóns de euros e un prazo de execución dun ano, aínda que fará falta outro ano máis de posta en funcionamento.
EMISARIO SUBMARINO
As conselleiras tamén informaron que, antes de que remate o mes de novembro, Augas de Galicia ten previsto licitar o proxecto e a obra do futuro emisario submarino.
Beatriz Mato explicou que o anteproxecto desta infraestrutura xa está redactado e supervisado, polo que nos próximos días someterase a información pública como paso previo á súa remisión ao Consello da Xunta. O custo da obra ascende a 10 millóns de euros e terá un prazo estimado de execución de 18 meses.
Tamén se está a desenvolver un estudo xeotécnico de detalle, co fin de garantir que a obra do novo emisario cause a menor afección posible ao marisqueo a pé.
UN BRINDE AO SOL
Logo de participar na reunión, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro responsable do Ciclo da Auga, Raimundo González, emplazaron á Xunta de Galicia a que exerza "xa" as súas competencias en materia de saneamento da ría de Pontevedra, dado que as presentacións realizadas hoxe son "un brinde ao sol, recurrentes por parte do goberno do Partido Popular en época preelectoral".