A Xunta prevé traballar "en paralelo" con Costas para que Elnosa siga na ría

Pontevedra
31 de outubro 2017

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reitera que o goberno galego fará todo o que estea na súa man para que os traballadores poden conservar os seus empregos. "Pontevedra non se pode permitir a perda de tantos postos de traballo", asegurou

Fábrica de Elnosa en Lourizán
Fábrica de Elnosa en Lourizán / Mónica Patxot

Non hai novidades con respecto á situación administrativa de Elnosa, que en pouco máis dun mes debe deixar de empregar mercurio para a produción de cloro en Lourizán. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reitera que o goberno galego fará todo o que estea na súa man para que os traballadores poden conservar os seus empregos.

"Pontevedra non se pode permitir a perda de tantos postos de traballo", asegurou Rueda a preguntas dos xornalistas durante a presentación do proxecto de reforma do edificio de Benito Corbal ao reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.

Aínda que a Xunta ten pendente a renovación da autorización ambiental integrada para que Elnosa poida manter a súa actividade na ría, é o Goberno central quen pode facilitar a continuidade da factoría clorera na súa actual localización.

A empresa solicitou a Costas que lle conceda, do mesmo xeito que a Ence, unha prórroga para seguir ocupando terreos de dominio marítimo-terrestre.

"Hai outras administracións que se teñen que implicar", explicou Alfonso Rueda, que asegurou que o goberno galego estará "expectante" para avanzar "en paralelo" á decisión que adopte o executivo que preside Mariano Rajoy.

Arquivado en