O delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comunicoulle ao voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, a "plena disposición do goberno autonómico a mobilizar o financiamento necesario para a construción da depuradora de Poio".
Cores Tourís garante que a Xunta de Galicia financiará a EDAR para Poio, pero recorda que "corresponde ao goberno local determinar os terreos onde debe instalarse", e insistiu en que esta é a principal demanda do sector do mar local.
O delegado autonómico ofreceu a súa colaboración ao sector do mar de Poio para facilitar e coordinar as reunións que sexan necesarias cos organismos autonómicos coma Augas de Galicia, ou a propia Consellería, e adiantou que os recursos técnicos e humanos da Xunta están a disposición de Poio para que a "EDAR de Poio sexa unha realidade canto antes".
Cores Tourís puxo algúns exemplos de estacións depuradoras de augas residuais postas en marcha pola Xunta nos últimos anos, como a EDAR do Grove, cun investimento total de case 7 millóns de euros, entre a planta e as obras de saneamento.
O voceiro do PP de Poio, pola súa banda, lamentou que sexa precisamente Poio onde non se cumpre a normativa europea "cos prexuízos que iso supón para a xente do mar, para o turismo, para todo o Concello", e pediu que "agora que a Xunta asegurou o financiamento da depuradora, o Concello debe dar o paso e dicir onde irá emprazada a EDAR".