A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, iniciou este mércores en Pontevedra unha rolda de contactos cos alcaldes de municipios que teñen costa para "explicarlles de primeira man por que a Xunta de Galicia dá un paso á fronte" e elaborará a futura lei de ordenación do litoral de Galicia, que está en consulta pública previa ata o próximo 17 de outubro.
Ángeles Vázquez xustificou este paso sinalando que "se está poñendo en dúbida o litoral galego" por parte do Goberno do Estado, algo que ocorre "desde o ano 2018" debido ás "restricións, que non son obxectivas senón moi subxectivas, de interpretación da Lei de Costas".
"A provincia de Pontevedra é unha das máis afectadas", segundo dixo a conselleira. En Galicia hai unhas catro mil instalacións afectadas das que 1.762 son pontevedresas.
A conselleira sinalou como afectada a "a cadea mar-industria" e a outras actividades que levan a cabo na costa "xunto coas vivendas" ou mesmo instalacións públicas como colexios ou residencias, citou.
Con este tipo de reunións, como a celebrada este mércores na sede territorial da Xunta en Pontevedra, o Goberno galego busca o máximo consenso posible respecto ao novo texto lexislativo, recompilando o coñecemento e a experiencia de quen mellor coñece a costa galega para regular a franxa litoral desde unha tripla perspectiva: ambiental, social e económica.
Ángeles Vázquez tamén indicou que esta consulta pública "está aberta" para que todas aquelas entidades ou persoas a título individual "nos fagan as súas achegas".
Ángeles Vázquez asegurou que "tentamos como goberno galego clarificar certas situacións cando saíron adiante, desde o regulamento ata a Lei de Cambio Climático, e isto non foi posible" polo que "conscientes de que Galicia non pode darlle as costas ao mar, desde o punto de vista ambiental, pero tamén social e económico, non nos queda outra máis que lexislar".
A conselleira incidiu en que con esta norma "imos regular o litoral galego" para outorgar seguridade xurídica aos titulares de instalacións xa existentes no dominio público marítimo-terrestre, definindo a tal fin que actividades e usos pode albergar cada zona da costa a través dunha planificación por tramos segundo as características de cada unha.
Por último, Ángeles Vázquez lembrou que "estamos avalados polo Consello Consultivo" que este mes de agosto emitiu un ditame garantindo a capacidade da Xunta para poder lexislar sobre cuestións relacionadas co exercicio das funcións que ten atribuídas no marco das súas competencias en materia de ordenación do litoral e que están pendentes só de traspaso de medios e servizos para o seu exercicio efectivo.
Nesa liña, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, engadiu que "estamos a traballar cos mellores xuristas" en referencia aos responsables do Observatorio do Litoral, recoñecido grupo de investigación dependente da Universidade da Coruña especializado no estudo e análise de cuestións xurídicas relativas ao litoral.
"Entendemos que é totalmente constitucional e ademais que xa o estatuto outórganos o pleno convencemento de que podemos ordenar o territorio e o litoral galego", incidiu a conselleira que insistiu en que "se houbese sintonía, como ata o ano 2018, igual non tiñamos que dar este paso".