Augas de Galicia iniciou as obras de mellora do proceso de depuración da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres.
Esta actuación foi adxudicada á unión temporal de empresas Acciona Construcción, SA & Acciona Agua, SA, por un importe de preto de 13 millóns de euros. A intervención conta cun prazo de 24 meses, 12 para a execución da obra, ademais doutros 12 para a posta en marcha dos novos tratamentos.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, sinalou nun comunicado que o saneamento da ría de Pontevedra "é unha das grandes prioridades actuais en materia hidráulica, onde resulta imprescindible actuar para garantir tanto a recuperación ambiental das augas, a produtividade marisqueira e a actividade turística".
Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Esta reforma tecnolóxica permitirá mellorar substancialmente a curto prazo a depuración das augas residuais dos concellos de Marín, Poio, Pontevedra e Vilaboa, co obxectivo de cumprir os límites de vertido marcados pola directiva europea.
A intervención contempla a remodelación do tratamento secundario existente, co fin de garantir a correcta depuración de ata 900 l/s de auga residual.
EMISARIO SUBMARINO
Esta actuación completarase coa construción dun novo emisario submarino, que permitirá unha mellor devolución das augas limpas á ría, dando cumprimento aos compromisos adquiridos coa Unión Europea. Este contrato foi adxudicado a principios de xuño á empresa Copasa por un importe superior os 10,1 millóns de euros.
A reforma da depuradora e a construción do novo emisario submarino forman parte do Plan de saneamento local elaborado tras un exhaustivo análise do actual sistema que foi dialogado cos concellos e os mariscadores da ría.
Ese plan inclúe a necesidade de acometer outras actuacións, entre elas a mellora das redes de saneamento municipais polas que se producen infiltracións indebidas.