O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, realizou este martes unha visita institucional ao concello de Cerdedo-Cotobade onde mantivo unha entrevista co presidente da xunta xestora do municipio, Jorge Cubela, quen lle transmitiu as principais preocupacións en relación á actividade da administración autonómica.
Jorge Cubela trasladou a Cores Tourís a satisfacción do grupo de goberno local co compromiso da Xunta con este novo concello, "o que xa se concretou co ingreso dos 1,6 millóns de euros prometidos través do Fondo de Fusión e que veñen a confirmar a aposta de Cerdedo e Cotobade por unha administración local única máis forte e que poderá destinar máis recursos aos servizos públicos e menos cartos á burocracia".
Neste senso, tamén recordou que a administración autonómica tamén recoñeceu a suma do Fondo de Compensación Local que facilita que a fusión dos dous concellos lles permita contar cun incentivo a maiores do 10%.
En canto a subvencións, a fusión, segundo apuntou Jorge Cubela, tamén permitirá a este novo concello contar con máis apoios da Xunta, xa que terán prioridade, á hora de presentar proxectos ás distintas ordes de axudas, aqueles municipios fusionados, como é o caso de Cerdedo-Cotobade.
"Equipararannos tamén aos concellos de máis de 20.000 habitantes", explicou o presidente da actual xunta xestora, e ademais, nas convocatorias aportarásenos coma se fósemos dous concellos á hora de obter a axuda máis o 10% a maiores". Deste xeito, segundo apuntou Cubela, "demóstrase que a fusión é unha aposta real e efectiva da Xunta de Galicia que ten como obxectivo a mellora da calidade de vida dos veciños dos nosos dous municipios".
Finalmente, tamén agradeceu Cubela ante o delegado territorial que a Xunta comprometérase a financiar a Relación de Postos de Traballo do inventario de bens, o que está valorado en 30.000 euros por cada un dos concellos fusionados, é dicir, 60.000 euros en total.
Pola súa banda, José Manuel Cores Tourís felicitou aos responsables municipais de Cerdedo e Cotobade polo traballo realizado de cara á fusión, lembrando que "os verdadeiros beneficiados serán os 6.160 veciños de Cerdedo-Cotobade, un concello que naceu viable e con vocación de futuro".