A Xunta de Galicia mantense firme na súa idea de que "hay que hacer todo lo posible para que se mantengan" as empresas asentadas actualmente nos terreos do Porto de Marín gañados ao mar a través dos recheos declarados ilegais polos tribunais, a pesar de que non deixa de recibir paus dos xulgados. O último revés chegou esta mesma semana do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que desestima un recurso do avogado do Estado e insiste na demolición das obras.
Ante este novo revés, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, insistiu este sábado nun acto en Ponteveda en que non cambiaron a súa postura, que "ya es conocida" e que se basea en que no porto hai "industrias muy importantes" que hai que defender.
Rueda: "Lógicamente hay unas sentencias judiciales y la legalidad al final hay que cumplirla"
Rueda recordou que a Xunta de Galicia é parte no proceso xudicial coa postura de que a sentenza que obriga o derrubamento dos terreos é inexecutable, a mesma que mantén o avogado do Estado. En defensa desa idea, xa avanzou que "vamos a hacer todo lo posible hasta el último momento para que judicialmente eso sea posible".
O vicepresidente recoñece que "lógicamente hay unas sentencias judiciales y la legalidad al final hay que cumplirla", pero intentarán esgotar todos os recursos posibles para non chegar a ese escenario final que non desexan. Sostén que os tribunais van ter a última palabra, pero esa última palabra chegará "después de una serie de recursos que todavía pueden estar pendientes".
Malia esa defensa con decisión de manter a situación actual do porto, asegura que se finalmente un tribunal, o que teña esa citada última palabra e acabados todos os recursos, toma unha decisón en contra da súa postura, "por supuesto habrá que acatarla".