A Xunta está a avaliar solucións alternativas co fin de tratar de garantir, a curto prazo, as achegas de auga ao río Lérez, que abastece aos concellos de Pontevedra, de Marín, de Poio, de Sanxenxo e de Bueu, fundamentalmente.
Concretamente, a Xunta está a analizar a posibilidade de empregar a auga embalsada do antigo oco mineiro de Ventoxo, en Forcarei, para ver se é factible facer achegas de caudal ao Lérez, no caso de que a auga sexa de calidade e compatible coa actividade piscícola do río.
Para iso, Augas de Galicia procederá nos vindeiros días a realizar catas, con extraccións de auga a distinta profundidade, para confirmar que a auga encorada na balsa mineira cumpre eses dous requisitos para poder facer achegas ao río Lérez.
A solución que se está estudando non sería de aplicación inmediata pero, de ser viable, si podería facilitar o abastecemento aos concellos que beben do Lérez máis avanzado o verán, cando o río se poida resentir aínda máis pola falta de achega de caudais derivada da ausencia de chuvias.
En caso de que o resultado das catas sexa positivo, é dicir, que confirmen a calidade da auga para consumo humano e tamén que esa auga é compatible coa vida do río, Augas de Galicia procedería, seguidamente, a facer unha obra de emerxencia para transvasar a auga desde o oco mineiro cara ao caudal do Lérez.
Respecto á proposta formulada este luns polo Concello de Pontevedra, a Xunta incide en que a auga das balsas das minicentrais existentes augas arriba do Lérez xa se están empregando actualmente para manter o caudal ecolóxico do río e para conseguir manter o seu caudal en valores estabilizados, de en torno ao 1,7 m³/s.
Polo tanto, esas balsas xa se están empregando a día de hoxe para garantir o abastecemento de auga á poboación.
A Xunta aclara nun comunicado que a medida que propón o Concello de Pontevedra, desembalsar máis auga incrementando a saída das balsas por enriba do caudal ecolóxico, "o único que provocaría é que chegaría un momento en que, ao non haber novas achegas, non se podería garantir nin o mínimo do caudal ecolóxico nin o abastecemento á poboación e habería un risco certo de secar o río, invalidando, completamente a captación de Monte Porreiro".
Esta circunstancia xa foi trasladada pola Xunta aos representantes do Concello de Pontevedra advertíndolles de que esa medida que propoñen é "totalmente contraproducente".