Atopar solucións para o mantemento dos postos de traballo e a continuidade da fábrica de Ence en Lourizán foi o motivo da reunión mantida este luns en Santiago entre representantes dos comités de empresa da factoría e o conselleiro de Economía, Francisco Conde, e a conselleria de Emprego, María Jesús Lorenzana.
O principal acordo extraído do encontro foi, informan desde a Xunta, o apoio do goberno autonómico a que a planta de Ence pase a formar parte do chan da Autoridade Portuaria de Marín. Unha proposta que pasará proximamente ao Consello Consultivo, que emitirá un informe que logo debe aprobar a administración central.
"Toda solución que sirva para manter os postos de traballo parécennos ben", declarou Toño Lafuente, presidente do comité de empresa da planta, quen lembra que a vía xudicial para dar validez á prórroga segue adiante e que o propio comité presentará mañá o recurso de casación contra a sentenza dela Audiencia.
Aínda que a proposta debe ser aínda analizada polos técnicos, desde a Xunta argumentan que no dominio público dun porto atópase a denominada zona de servizo, que inclúe espazos de terra e auga necesarios para o desenvolvemento dos usos portuarios. Nestas zonas poden incluírse os que correspondan a empresas industriais ou comerciais cuxa localozación no porto estea xustificada pola súa relación co tráfico portuario, polo volume de tráficos ou polos servizos que prestan. "E a factoría de Ence cumpre con todos estes requisitos", aseguran desde a Xunta.
Conde sinalou que, de materializarse esta posibilidade, significaría desbloquear a situación e garantir o futuro dos empregos. Por iso, o conselleiro pide a implicación do Goberno. "Imos seguir insistindo en que o Goberno ofreza unha alternativa para que se poida manter a planta de Ence en Lourizán e que se poidan explorar todas as vías desde o punto de vista administrativo e xudicial", rematou.
Con todo, explican desde o comité que esta posibilidade xa se expuxo na última reunión da mesa de traballo polo futuro de Ence, pero o secretario de Estado descartouna ao sinalar que non era viable. Algo co que non están de acordo no comité de empresa. "Nós pediramos na mesa de diálogo unha solución xurídica administrativa por parte do Goberno e expomos que se adscribise os terreos da fábrica ao porto. O Goberno botou balóns fóra", lamentou Ana Cedeira, presidenta do comité de empresa das oficinas.
Neste sentido, a traballadora está convencida de que non existe outra alternativa. "Todo pasa por quedarnos en Lourizán, seguiremos loitando por iso sentados nunha mesa ou nas rúas", asegura, convencida de que unha segunda pasteira en Galicia sería compatible coa de Ence.