A Xunta e os concellos que se abastecen do río Lérez a través de Pontevedra acordaron este mércores reducir o consumo de auga e afrontar o actual episodio de "prealerta por escaseza" con información, coordinación e responsabilidade.
"Coincidimos en que temos que prepararnos para un eventual empeoramento da situación", advertiu a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo unha reunión de traballo "importante e urxente" cos representantes dos distintos concellos.
A reunión tivo lugar na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra e asistiron a concelleira do ciclo da auga do Concello de Pontevedra, Carme Da Silva, o alcalde de Sanxenxo Telmo Martín, a alcaldesa de Marín María Ramallo, o alcalde de Bueu Félix Juncal, o alcalde de Poio Luciano Sobral e o de Ponte Caldelas Andrés Díaz.
Á saída do encontro Ethel Vázquez mostrouse "agradecida" porque "foi unha reunión positiva, con ánimo construtivo por parte de todos para traballar coordinada e conxuntamente para adoptar medidas, que todos somos conscientes de que son moi necesarias, de contención do consumo e aforro de auga e de uso o máis responsable posible".
Segundo os datos ofrecidos nesta reunión, nos últimos 20 días o caudal do río Lérez descendeu un 73%, "foi unha baixada abrupta" destacou a conselleira. Por mor deste descenso no nivel de auga do río "Ence non podía cumprir as condicións que lle impuxemos de caudal ecolóxico e tivo que realizar a parada" pero aínda así "o caudal do río Lérez non se recuperou todo o esperado" e está a marcar uns rexistros 1,7 metros cúbicos por segundo o que vén supoñer "practicamente o caudal ecolóxico" que necesita para garantir a biodiversidade.
No encontro acordouse colaborar conxuntamente en tres cuestiones básicas: compartir información "para ver se as medidas que se adoptan funcionan", coordinación para dar "unha resposta e medidas unánimes" e responsabilidade colectiva para aplicar estas medidas.
Entre as restricións que todos os concellos pasan a aplicar está buscar as fugas nas redes de abastecemento que redundan na ineficacia do sistema, a prohibición do uso da auga destinada a encher piscinas, rega de xardíns e outros usos lúdicos, baldeos, suprimir lavapés e duchas nas praias e lavado de vehículos polos particulares. Todas estas iniciativas tratan de "evitar cortes nocturnos ou ter que baixar a presión da rede", que poderían levar a cabo se a situación de seca agrávase e elévase o nivel de alerta.
Segundo a conselleira a auga embalsada no Pontillón do Castro "en circunstancias normais unicamente dá para 14 días" que poderían ser máis aplicando restricións no consumo.
Agora Xunta e concellos farán un seguimento da situación "para estar preparados para un posible empeoramento". A próxima semana reunirase a Oficina Técnica da Seca para facer un seguimento coordinado dos sistemas de abastecemento de auga.
"Todo apunta que é posible un eventual empeoramento da situación", avanzou a conselleira anticipando unha probable declaración de alerta que ten como finalidade garantir o abastecemento á poboación e minimizar os efectos negativos sobre o medio natural, establecendo medidas, de ser o caso, que protexan a flora e a fauna fluvial.
Cada concello concretará o seu propio plan municipal de emerxencia no que identificarán as medidas que contemplan, dado que son administracións locais as que ostentan as competencias en materia de abastecemento e o Plan de Seca da Xunta só contén medidas "orientadoras".
"O que queremos é evitar chegar a ese estado", indicou Vázquez Mourelle, e por tanto durante os próximos días estableceranse contactos continuos cos concellos afectados para os efectos de avaliar as medidas adoptadas.
A concelleira do ciclo da auga do Concello de Pontevedra, Carme Da Silva, remarcou que "todos somos conscientes de que a situación é moi preocupante" e apuntou que "é imprescindible adoptar medidas urxentes" insistindo na necesidade de coordinación e no seguimento diario da situación.
Pola súa banda, a alcaldesa de Marín María Ramallo incidiu en que lle preocupa singularmente a situación no Porto "que é un gran consumidor" polas empresas frigoríficas alí radicadas e que poden verse afectadas na súa produción se se chegan a aplicar cortes nocturnos ou baixadas na presión.
Tamén o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz está preocupado polo "impacto importante" das restricións ao polígono industrial do Campiño, que é a única zona da súa concello que se abastece do Lérez xa que o resto de núcleos de poboación teñen captacións propias. As grandes empresas consumidoras do polígono atópanse agora en parada técnica, pero o día 8 de agosto retoma a produción Aludec, que é a que máis consome.
O alcalde de Poio Luciano Sobral aplaudiu o consenso logrado na reunión e, do mesmo xeito que sinalou o alcalde de Bueu, Félix Juncal, emitirá un bando coas medidas consensuadas co resto de municipios.
Finalmente, o alcalde de Sanxenxo Telmo Martín indicou que no caso do seu concello "nós vivimos do turismo e non podemos mandar unha mensaxe de que aquí non hai auga" de aí a urxencia en tomar medidas preventivas. Na reunión pediuse a Sanxenxo se pode captar máis auga do río Umia a través da Mancomunidade do Salnés xa que a vila turística ademais do Lérez tamén se abastece deste outro río. A "desgraza" é que o Umia dispón de auga suficiente pero "tecnicamente non se pode captar máis".
Telmo Martín poñerase en contacto este mesmo mércores coa empresa concesionaria desta xestión, Espiña e Delfín, "para ver como podemos facer para captar máis auga do Umia e menos do Lérez". En Sanxenxo os maiores consumidores son os hoteis "que están agora mesmo a tope e non podemos deixalos sen auga" polo que "estamos moi preocupados" pero confía en que "se somos todos responsables non vai haber cortes no mes de agosto".