A Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, trasladou a "satisfacción" da Xunta de Galicia pola planta de compostaxe que promoven o Concello de Pontevedra e a Deputación en terreos da parroquia da Canicouva.
"Dende logo satisfacción pola iniciativa de xestión de residuos de forma sustentable", dixo a conselleira, que enmarcou este proxecto xunto a outros que promove o Goberno galego como a ampliación de Sogama.
Ethel Vázquez recordou que a xestión de residuos é "unha competencia municipal" polo tanto "debemos ver como normal" que un concello se preocupe por este servizo.
A titular de Medio Ambiente insistiu que no caso do Concello de Pontevedra "dende a Xunta, satisfacción porque se preocupe e se conciencie pola xestión de residuos urbanos" xa que ao seu xuízo "ata o de agora non o veñen demostrando".