A Xunta considera que o peor da seca está superado

Pontevedra
08 de novembro 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, participou este martes na reunión da Oficina Técnica da Seca

Oficina Técnica da Seca
Oficina Técnica da Seca / Xunta de Galicia

A Xunta considera que o peor da seca está superado ao constatar un incremento do 800% nos caudais dos ríos nas últimas semanas.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, participou hoxe na reunión da Oficina Técnica da Seca, na que se constatou unha melloría xeneralizada con respecto á ultima xuntanza, que foi o 20 de outubro.

Segundo o Plan de seca de Galicia-Costa, a situación avalíase, dunha banda, en función das precipitacións rexistradas e, doutra banda, en función das reservas de auga dispoñibles para o abastecemento.

Así, en relación coas precipitacións rexistradas, na xuntanza deste martes constatouse unha melloría da situación que permite desactivar a declaración estado de seca prolongada no sistema da Mariña luguesa e na zona de Ortegal e Cedeira, que pasan a situación de completa normalidade. No resto dos sistemas de Galicia-Costa mantense a seca prolongada, á espera da consolidación dos bos indicadores favorables.

En relación coas reservas de auga dispoñibles de abastecemento, na xuntanza constatouse tamén que nestas últimas semanas os ríos experimentaron picos de caudal moi importantes. Así, rexistran actualmente niveis de normalidade os sistemas do río Verdugo e o sistema da costa de Pontevedra, entre outros.

No encontro constatouse o incremento de caudal rexistrado no sistema do río Lérez e da ría de Pontevedra, pois tras un descenso importante, na segunda quincena de outubro rexistrouse unha mellora considerable dos indicadores, cun valor xa próximo á saída de escenario de seca prolongada.

O único sistema no que se produciu unha recuperación aínda insuficiente polo de agora para saír do escenario de prealerta por escaseza é o do río Mero, Arteixo e ría da Coruña.

AUGA EMBALSADA

No que se refire á auga embalsada, o nivel actual dos encoros de abastecemento da demarcación Galicia-Costa, de competencia da Xunta, sitúase no 65,2%, cunha ocupación só un pouco inferior á rexistrada no mesmo período do ano anterior, cando os encoros estaban ao 70,82%.  

O encoro de Eiras sitúase ao 80% da súa capacidade, acadando a cota de resgardo. Os encoros de Zamáns está ao 64,5% e o de Baiona a case o 94%, sendo estes dous últimos encoros os que abastecen aos concellos de Nigrán e de Baiona, ademais de a unha parte do de Vigo.  Ante estes indicadores, a Oficina Técnica da Seca rebaixou o nivel nestes sistemas, pasando das medidas equivalentes a un nivel de alerta polas correspondentes a un nivel de prealerta por escaseza.

Porén, o encoro de Cecebre segue en valores baixos para esta época do ano, xa que se atopa ao 51%. Este encoro está situado no sistema do río Mero, polo que neste caso manterase o nivel de prealerta por escaseza.

 

Arquivado en