A Xunta asegura que as queixas sobre novos cheiros e ruídos na depuradora dos Praceres "carecen de fundamento e veracidade"

Pontevedra
07 de setembro 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade replica á Asociación veciñal Estriceres e asegura que "as afirmacións difundidas sobre novos cheiros e ruídos na depuradora dos Praceres carecen de fundamento e veracidade"

Ethel Vázquez visitou a EDAR dos Praceres
Ethel Vázquez visitou a EDAR dos Praceres / Mónica Patxot

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade replica ás queixas da Asociación veciñal Estriceres e asegura que "as afirmacións difundidas sobre novos cheiros e ruídos na depuradora dos Praceres carecen de fundamento e veracidade".

Nun comunicado de prensa, a Consellería lembra que a Xunta rematou recentemente unha actuación de mellora na depuradora dos Praceres, que supuxo un investimento de 16,5 millóns de euros e que, unha vez concluída está amosar "resultados satisfactorios nos parámetros das augas tratadas", e destaca que "cumpren os requisitos da Directiva Marco da Auga da Unión Europea, permitindo un gran avance no saneamento da ría de Pontevedra".

O departamento que dirixe a conselleira Ethel Vázquez afirma que "durante o proceso de posta en marcha non se detectou ningún incidente en relación con malos cheiros, xa que o novo reactor biolóxico non xera olores e a ampliación da liña de fangos está íntegramente confinada nun edificio que conta cun tratamento de desodorización exclusivo para ese proceso". 

Engade que, "a torre de desodorización, de feito, está situada ao carón da estrada, lindando co peche de Eiras e no punto máis afastado das vivendas".

No comunicado a Consellería tamén sinala que, de forma paralela ás obras de mellora da depuradora impulsou un estudo destinado reducir os ruídos prexistentes. 

Augas de Galicia realizou unha auditoría dos focos de emisión avaliando a "presión acústica" en 5 puntos situados nos exteriores da EDAR, fronte ás vivendas. Posteriormente, elaborouse un modelo de propagación acústica 3D para determinar as medidas correctivas máis eficientes, dando lugar a unha serie de actuacións a executar. "A Xunta adxudicará e executará antes de finais de ano actuacións de redución do ruído na estación depuradora de Praceres", conclúe.