A Xunta analiza con Unión Fenosa a mellora da subministración eléctrica en Pontevedra

Pontevedra
02 de outubro 2020

A delegada territorial da Xunta, Luísa Piñeiro realizou un seguimento aos plans de mantemento e mellora das redes eléctricas das comarcas de Pontevedra e O Salnés co obxectivo de incrementar a fiabilidade da subministración eléctrica    

A delegada da Xunta en Pontevedra, Luísa Piñeiro, aborda con Unión Fenosa as obras previstas na comarca
A delegada da Xunta en Pontevedra, Luísa Piñeiro, aborda con Unión Fenosa as obras previstas na comarca / Xunta de Galicia

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luísa Piñeiro, mantivo este xoves unha reunión co director de Unión Fenosa Distribución (UFD) en Galicia, Julio Gonzalo, para analizar os plans de mellora da calidade da subministración eléctrica nos concellos da área de Pontevedra e realizar un seguimento das actuacións de mellora que se están desenvolvendo na cidade de Pontevedra e nas comarcas do Morrazo e O Salnés. 

Neste sentido, a distribuidora eléctrica destacou os preto de 68 millóns de euros investidos nos últimos 5 anos en obras para o desenvolvemento e mantemento das redes eléctricas na provincia, co obxecto de incrementar a fiabilidade e a calidade da subministración eléctrica. 

En relación á situación actual, os responsables de Unión Fenosa trasladáronlle a Luisa Piñeiro que case a totalidade das obras previstas nos plans de actuacións do Morrazo e O Salnés están finalizadas e postas en servizo.

Os responsables da empresa tamén informaron sobre o avance nos traballos das liñas eléctricas de saída da subestación de Nantes, en Sanxenxo, e anunciaron que proximamente se poñerá en servizo unha nova saída a Meaño e que empezarán as obras da nova saída cara ao polígono e o cámping Portonovo. 

Este ano enterrouse o tramo da liña de media tensión aérea que vai desde a Ostrícola ata As Sinas en Vilanova de Arousa. Procederase tamén ao soterramento dun tramo da liña de media tensión en Praia Balea, no Grove, así como a nova saída da subestación de Barro coa rede de media tensión que abastece a contorna do núcleo urbano do municipio.

En relación coa cidade de Pontevedra, analizáronse as actuacións e obras de mellora das instalacións eléctrica prestando especial atención ao plan de robustecemento da rede, iniciado hai un ano. Neste sentido, xa completaron traballos de mellora nos transformadores de Barcelos, Lepanto, Carabelos e Estribela, o peirao pesqueiro, a Deputación de Pontevedra, as rúas Cruz Gallástegui e Palamios. Ademais, tamén se fixeron cambios no cableado subterráneo de diversas rúas.