A Xunta ampliará o catálogo da Central de Transporte e permitirá usos mixtos

Ponte Caldelas
28 de setembro 2019

O alcalde de Ponte Caldelas e o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo mantiveron un encontro este venres. A Xunta comprométese a promover a parcelación e o uso das parcelas, ademais da mellora dos servizos e dotacións dos terreos do parque empresarial da Reigosa

Central de transportes do polígono O Campiño
Central de transportes do polígono O Campiño / PontevedraViva

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, e o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, mantiveron un encontro este venres en Santiago para analizar os cambios que a Xunta de Galicia introducirá no proxecto sectorial da Central do Transporte.

Desde a administración autonómica queren adaptar este espazo ás necesidades actuais e potenciar a oferta de solo empresarial para toda a zona de Pontevedra. A través da modificación, desde a Xunta quérese promover a parcelación e o uso das parcelas, ademais de aliñar as naves que se constrúan e mellorar os servizos e dotacións dos espazos do parque empresarial.

Andrés Díaz mostrouse satisfeito polo resultado da reunión ao entender que esta decisión permitirá ampliar o catálogo de usos da Central de Transportes, de forma que unha parte das parcelas seguirían utilizándose para uso loxístico mentres que outras se poderían destinar a outros usos, ofrecendo novas alternativas a empresas interesadas en desenvolver a súa actividade en Ponte Caldelas.

Desde a Xunta de Galicia calculan que a modificación puntual do Plan Sectorial da Central de Transportes estará lista nun prazo de entre 6 e 8 meses. Unha vez realizada, acometeríase a obra civil, o proxecto de obras complementarias para a nova urbanización que incluiría beirarrúas, un proxecto de adaptación de tubaxes e aparcamentos, entre outras intervencións. Estes traballos correrían a cargo da Xunta de Galicia.

Este proxecto atopábase bloqueado desde fai tres anos, segundo afirma o alcalde de Ponte Caldelas. A Central de Transportes ofrece máis de 37.000 metros cadrados de chan industrial, que se sumarían ás 14 parcelas dispoñibles do polígono da Reigosa, con máis de 136.000 metros cadrados.

Arquivado en