A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por 3.121.450 euros as obras de saneamento do río Lameira, que mellorarán o saneamento de Marín e contribuirán a unha mellor calidade das augas da ría de Pontevedra.
Esta intervención, que suporá unha importante mellora ambiental do río Lameira, foi adxudicada á UTE Petrolam Infraestructuras, S.L.- Oresa Construcción e Servicios Globales, S.L. e conta cun prazo de execución de 12 meses.
As actuacións proxectadas pola entidade hidráulica da Xunta teñen un dobre obxectivo: por un lado, reducir a incorporación de caudais de augas brancas á rede de saneamento na zona baixa do caso urbano, así como os frecuentes alivios ao medio; e, por outro, regular o sistema de saneamento da conca do río en tempo de chuvia, modulando os caudais que son derivados cara á depuradora.
Así, renovarase o colector interceptor nunha lonxitude de 1.600 metros, desde a súa orixe en Coirados ata o casco urbano, con 5 cambios de marxe. Retirarase tamén o colector actual do río e habilitarase un acceso para o seu mantemento no que se prevén 3 pasarelas.
Tamén se construirá un depósito de retención augas abaixo e actuarase na estación de bombeo existente para corrixir as deficiencias que orixinan frecuentes alivios ao río.
A intervención é froito da colaboración entre a Xunta e o Concello de Marín, que asume o custo das expropiacións con preto 79.000 euros.