A Xunta, a EDAR, o cambio climático e o primo de Rajoy, en Lourizán

Pontevedra
15 de decembro 2019

A Platafoma 'Non Á Ampliación' da depuradora de Lourizán realizou na mañá deste domingo unha performance para denunciar de maneira sarcástica a "sinrazón" que supón o proxecto da Xunta de Galicia de ampliar a EDAR dos Praceres

Performance en Lourizán
Performance en Lourizán / Diego Torrado

A Plataforma 'Non Á Ampliación' da depuradora de Lourizán realizou na mañá deste domingo unha performance para denunciar de maneira sarcástica a "sinrazón" que supón o proxecto da Xunta de Galicia de ampliar a EDAR dos Praceres.

A performance levaba por título 'A Xunta, a EDAR, o Cambio Climático e o primo de Rajoy' para denunciar que mentres os líderes mundiais decidían que medidas tomar para loitar contra o cambio climático e os seus efectos, a Xunta de Galicia ignora este problema.

A plataforma veciñal lembra a previsible subida do nivel do mar nos próximos anos como consecuencia do cambio climático, e sostén que o "razoable" por parte da Xunta sería buscar alternativas á EDAR dos Praceres, que está un metro por debaixo do nivel do mar na actualidade.

En lugar disto, critica que a Xunta proxecta unha ampliación, ignorando as previsións dos expertos, o que supón, na practica, a aplicación dunha política negacionista.

"Da mesma maneira que hai uns anos, Rajoy facía referencia ao seu primo á hora de negar o cambio climático, os responsables políticos da Xunta aseguran que a ampliación da EDAR é a mellor alternativa desde o punto de vista técnico", insiste a plataforma, que esixe que a Xunta aclare quen é o técnico que considera que a ampliación é a alternativa máis racional e sostible desde o punto de vista medioambiental, "se o cuñado de Feijóo, o de Ethel Vázquez ou o da directora de Augas de Galicia".