A Xerencia da Área Sanitaria comprométese a manter a médica substituta mentras dure a baixa do titular do centro de saúde de Campo Lameiro

Umia
14 de decembro 2022

O alcalde Carlos Costa recibiu a confirmación dos responsables sanitarios de que non volverá a haber cambios de facultativo mentras non se incorpore o médico con praza

Concentración para reclamar un médico estable en Campo Lameiro
Concentración para reclamar un médico estable en Campo Lameiro / Concello de Campo Lameiro

O Concello de Campo Lameiro ven de suspender a manifestación prevista para esta sábado pola tarde tras recibir o alcalde, Carlos Costa, a confirmación da Xerencia da Área Sanitaria "con garantías suficientes" de que non se volverá mover á médica que agora atende aos pacientes do Centro de Saúde mentras non se incorpore da súa baixa o facultativo titular da praza.

Este acordo foi tomado na Xunta de Portavoces polas tres formacións políticas con representación na Corporación Municipal, PPdeG, Porvir e PSdeG-PSOE que quixeron darlle unha "marxe de confianza " aos novos responsables da Xerencia de Pontevedra tras manter un par de reunións co alcalde.

A concurrida concentración de protesta do pasado sábado e as numerosas reclamacións presentadas por escrito ante o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) e o propio Concello respaldaron a reivindicación liderada pola Corporación Municipal que decidiu deixar de lado calquera posicionamento político para reclamar unha "atención sanitaria digna, estable e continuada para os veciños e veciñas de Campo Lameiro".

"MANTERASE O ESTADO DE ALERTA E VIXILANCIA"

A Xunta de Portavoces acordou tamén "manterse en alerta e vixilancia permanente para comprobar que o acordo se cumpre" e que se lle dá certa tranquilidade e continuidade aos usuarios do Centro de Saúde de Campo Lameiro, sobre todo persoas maiores que veían como o cambio e as ausencias continuas na atención sanitaria estábase convertendo nun auténtico problema. 

Os representantes das tres formacións políticas agradeceron á veciñanza de Campo Lameiro o apoio recibido ante as mobilizacións realizadas.