Non todo foron luces na reunión entre o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Tamén houbo sombras. E, sen dúbida, a máis grande é a que se cerne sobre a variante de Alba.
Era, para o goberno municipal, un dos "temas estrela" deste encontro institucional, segundo recoñecía Fernández Lores, pero a Xunta botou por terra as aspiracións do Concello.
"Non temos consignación nin intención de executala", resolveu Rueda respecto desta infraestrutura viaria, deseñada inicialmente para unir a estrada PO-531 e a N-550, liberando do tráfico a vía de San Caetano, que discorre por baixo da liña ferroviaria.
A Xunta optou por 'conxelar' este proxecto de maneira indefinida. Só se estudará a opción de executar esta variante se hai un acordo amplo sobre o seu trazado. "Canto máis consensuado estea, mellor", apuntou o presidente galego.
O alcalde non ocultou o seu malestar ante esta decisión do executivo autonómico, ao entender que se trata dun vial "estratéxico" para definir a mobilidade futura de Pontevedra.
Lores lamentou que a Xunta decidise que "no momento actual non vai a actuar aí".
A responsabilidade da seguridade viaria en toda esta zona, reiterou o rexedor, "é da Xunta", polo que solicitou ao seu presidente que reconsidere esta decisión, ao tratarse dunha "necesidade imperiosa" para o municipio de Pontevedra.