A unidade de psoríase de Pontevedra, entre as mellores de España por cuarto ano consecutivo

Pontevedra
24 de outubro 2018

O servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra volveu a ser recoñecido como un dos mellores de España na atención á psoríase. Logrou, por cuarto ano consecutivo, ser distinguido nos Premios Best in Class

Directivos do CHOP recollen o premios Best In Class á unidade de psoríase
Directivos do CHOP recollen o premios Best In Class á unidade de psoríase /

O servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra volveu a ser recoñecido como un dos mellores de España na atención á psoríase. Logrou, por cuarto ano consecutivo, ser distinguido nos Premios Best in Class.

Trátase duns galardóns que anualmente convoca a publicación especializada Gaceta Médica xunto coa Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rei Juan Carlos.

Directivos do hospital pontevedrés desprazáronse a Santander para recoller a distinción que recoñecen publicamente aos mellores servizos, unidades e procesos asistenciais de hospitais e centros de saúde de toda España, tanto públicos como privados, destacando a excelencia na atención ao paciente e o bo facer dos profesionais sanitarios. 

En concreto, o servizo de Dermatoloxía do CHOP foi distinguido co premio á mellor unidade de psoríase en atención ao paciente no ámbito nacional.

Neste senso, se ben é certo que na área sanitaria de Pontevedra preto dun 80% dos casos nos que esta patoloxía presenta un estadio leve son controlados e supervisados dende Atención Primaria, a unidade de psoríase de Pontevedra atende unha media de 30 consultas semanais.

Ademais desta mención de honra obtida polo servizo de Dermatoloxía, en total foron sete os servizos e procesos asistenciais do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra os que resultaron elixidos finalistas: o servizo de Dixestivo pola súa atención á Hepatite C e á patoloxía dixestiva, Medicina Interna como servizo e pola atención do VIH-Sida, Dermatoloxía como servizo e Psiquiatría como mellor servizo no tratamento da esquizofrenia.