"O Concello vai facer todo o posible legalmente, dende o punto de vista político e administrativo, para que non teña repercusións económicas negativas no futuro e poidamos resolver esta barbaridade de construír catro tanatorios-crematorios". Miguel Fernández Lores empregaba esta frase para anunciar que o próximo martes 13 a suspensión da licenza da construción dos tanatorios-crematorios durante un ano irá ao pleno extraordinario convocado para esa mañá.
O Alcalde de Pontevedra entende a postura de oposición dos veciños ante este tema pero fixo un chamamento á tranquilidade porque "o Concello está traballando para remedialo" e engadiu que "non vamos permitir catro tanatorios en sitios inaxeitados". Segundo Lores, a proposta de proliferación de crematorios "é irracional, antieconómica e sen sentido".
O rexedor pontevedrés sinalou que, en todo caso, a convocatoria do pleno extraordinario non está relacionada con este tema senón co incremento de parte das taxas municipais para o próximo ano por imperativo legal. Entre os puntos do día tamén se encontra o convenio da auga con AcuaNorte para garantir o abastecemento tanto no núcleo urbano coma no rural.
Ademais, o grupo municipal presentará a moción de apoio á folga xeral do 14 de novembro "polas medidas inhumanas e crueis que só benefician a un grupo reducido de xente a conta de todos vos cidadáns". Lores ofrecía o consenso ao grupo socialista porque "estou convencido de que o vai apoiar" e engadiu "teño máis dúbidas de que a apoie o Partido Popular".