A suspensión de crematorios alónxase do pleno extraordinario

Pontevedra
08 de novembro 2012

O goberno local non garante que a suspensión de licenza para a construción de crematorios vaia ao pleno extraordinario do próximo martes 13 de novembro. Pendente dun estudo, podería aprazarse ata o ordinario

Ata o venres a última hora da mañá non se saberá se a suspensión da licenza para a construción dos crematorios en Pontevedra irá ao pleno extraordinario do martes 13 de novembro. O tema encóntrase pendente dun informe de urbanismo. Se este venres estivese preparado, o luns iría á comisión de Urbanismo para poder entrar nos asuntos do pleno do día seguinte. Se non fose así, o seu debate aprazaríase ata a convocatoria do pleno ordinario.

O PSOE decidiu dende a tenencia de Alcaldía elaborar unha proposta para que se traslade ao Parlamento de Galicia e reclamar dende esta Cámara á Xunta de Galicia un regulamento xurídico para toda a comunidade en que se lexisle a situación dos crematorios. Desta forma, sinalou Antón Louro "evitariamos que haxa colisións non ámbito competencial".

Louro indicou que entre o venres e o luns espera finalizar a rolda de contactos cos catro empresarios interesados na construción dos crematorios. O concelleiro de Urbanismo volveu apuntar que "a alarma social tamén é a súa preocupación" facendo referencia a estes empresarios fronte á presión dos veciños.