A subdelegada do Goberno informa ao alcalde de Vilaboa do estado das alegacións realizadas ás obras da A-57

Vilaboa
21 de setembro 2020

A subdelegada do Goberno reuniuse este luns co alcalde de Vilaboa para abordar aqueles temas que afectan ao municipio e dependen do Goberno central.

Encontro na Subdelegación do Goberno
Encontro na Subdelegación do Goberno / Subdelegación do Goberno

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, mantivo este luns un primeiro encontro co novo alcalde de Vilaboa, César Poza, e a concelleira, Carmen Gallego.

Durante a reunión, a subdelegada do Goberno analizou co novo equipo de goberno local aqueles temas que afectan ao municipio e dependen do Goberno estatal. En primeiro lugar, Larriba quixo "desexar ao novo rexedor todos os éxitos nesta nova etapa, así como ofrecer ao Concello de Vilaboa a total colaboración e disposición desta Subdelegación do Goberno, manteñendo o bo entendemento que xa existía co anterior rexidor".

Entre os temas abordados na xuntanza, a subdelegada examinou xunto ao novo alcalde a situación das obras da A-57 no termo municipal vilaboés. Maica Larriba reunírase xa meses atrás co anterior rexedor, Francisco Costa, para abordar as melloras no nó entre os accesos da AP-9, a N-550, a N-541 e autovía A-57.

A subdelegada do Goberno informou a César Poza que "desde o Ministerio de Fomento estanse a analizar as alegacións presentadas na última reunión mantida co anterior alcalde". A este respecto, Maica Larriba avanzou que "na actualidade o Ministerio realizará unha solicitude de orde de estudo para as actuacións de mellora da permeabilidade nas marxes da N-550 tal e como solicita o concello de maneira que se poida garantir o tránsito peonil de maquinaria agrícola. Este trámite é o paso previo para a redacción dun proxecto definitivo".

Por último, o alcalde e a subdelegada acordaron a celebración dunha xunta local de seguridade, a maior brevidade, para abordar diversas cuestións, entre elas as derivadas das restricións impostas pola Xunta por mor do crecemento do número de casos da Covid-19.

Para rematar ambos os dous dirixentes decidiron manter unha "canle constante de información e contacto" para ir abordando todas aquelas cuestións "dende a lealdade e a máxima colaboración entre as institucións".

 

Arquivado en