A solidariedade permite a unha familia de Parada afectada polos incendios restaurar a súa casa

Ponte Caldelas
05 de febreiro 2018

A familia formada por José Ángel Soares, María Antonia Costas e os seus tres fillos regresou este domingo á súa pequena casa no lugar de Parada. A vivenda, que resultou gravemente afectada nos incendios do pasado 15 de outubro, foi completamente reformada gracias á iniciativa de Berta Besada, unha veciña solidaria de Ponteareas que puxo en marcha unha campaña de axuda

Este domingo foi a entrega das chaves da nova casa arranxada coa colaboración cidadá
Este domingo foi a entrega das chaves da nova casa arranxada coa colaboración cidadá / Concello de Ponte Caldelas

A familia formada por José Ángel Soares, María Antonia Costas e os seus tres fillos regresou este domingo á súa pequena casa no lugar de Parada. A vivenda, que resultou gravemente afectada nos incendios do pasado 15 de outubro, foi completamente reformada gracias á iniciativa de Berta Besada, unha veciña solidaria de Ponteareas que puxo en marcha unha campaña de axuda.

Berta entregou este domingo as chaves e amosou os resultados dunhas obras, acometidas gracias á colaboración solidaria de máis dunha ducia de empresas e moitas persoas anónimas.

A vivenda, de só 67 metros cadrados, foi construída en 2003 en bloques e por dentro só contaba con divisións de "ladrillo" e piso de terra. Agora o seu aspecto cambiou notablemente. Nunha xornada moi emotiva, a parella comprobou que a casa quedou dotada de todos os acabados interiores, mobiliario novo e unha cociña completa. Os dormitorios, incluíndo camas, colchóns e almofadas son novos, e a entrada foi dotada dun pequeño porche. Os nenos, que gozan tamén dunha habitación a estrear, non puideron disimular a súa alegría.

Nas próximas xornadas, Berta Besada irá traendo os últimos mobles e tamén algúns xoguetes e obxectos de decoración que lle doaron na campaña solidaria que iniciou en novembro. Dende entón, explica, foi un auténtico bule-bule coordinando a recollida e colocación dos distintos materiais. Este domingo rematouse de pintar o exterior momentos antes da entrega.

Ao longo dos case tres meses que durou a restauración, a familia estivo aloxada, a petición do Concello, no antigo hostal A Garota e nun piso de propietarios particulares.

Berta Besada explicou que chegou a Ponte Caldelas atraída polas novas publicadas nos medios de comunicación e nas redes sociais. Cando entrou na casa de Parada quedou sobrecollida pola súa humildade e o dano que fixeran os incendios. A familia perdeu os dous tractores cos que se gañaba a vida, o galpón das galiñas e tamén sufriu danos na fachada e nas ventás.

"Esa noite non durmín pensando que podía facer, así que ao día seguinte abrín unha páxina de Facebook, chamei ao alcalde e comecei a pedir cousas para ver se entre todos conseguiamos axudar a unha familia que o necesitaba de verdade". Berta, que é propietaria dunha tenda de roupa, revela que ten un almacén cheo de obxectos que lle doaron e que irá transportando nos próximos días, entre eles xoguetes para os rapaces. Mesmo chegaron a doarlle un coche, pero decidiu non entregarllo a José Ángel porque non ten carné, cousa que el prometeu comezar a facer o mes próximo.

"É imposible explicar o moito que se involucrou algunha xente e o agradecida que estou", recalca. Ao botar a vista atrás destaca que o máis difícil de todo foi sacar á parella e aos nenos da casa para que as obras puideran comezar e mantelos afastados para darlles a sorpresa final.