O Concello de Marín decidiu este venres empezar a tomar medidas ante a situación de seca prolongada que afecta á demarcación hidrográfica Galicia-Costa e, de xeito urxente, xa acordou eliminar a auga das duchas, lavapés e lavamans instalados nas súas praias.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, emitiu un bando este venres que sigue a liña do que tamén dictou o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, o día anterior, poñer fin ao uso de auga en todas as cuestións que non resultan imprescindibles para a saúde pública.
Así, ademais de actuar nas praias, Marín tamén decidiu suspender os baldeos de espazos públicos.
A alcaldesa explica que se ve na obriga de adoptar estas medidas despois de que Augas de Galicia comunicara a todos os concellos a situación actual de seca prolongada e que estas medidas vanse manter ata novo aviso, mentres persista a situación actual.
Ademais de tomar estas medidas urxentes para preservar un ben tan esencial como a auga, o Concello de Marín apela ao civismo e á responsabilidade da veciñanza para reducir o consumo da auga no día a día e solicita expresamente a adopción de medidas que poden ser cruciais.
Así, pide un uso razoable e preferente da ducha en vez de o baño, recomenda á poboación que peche a billa grifo cando non se estea utilizando, solicita que se reparen goteos ou fugas e insiste tamén na necesidade de restrinxir ao máximo o rego, o lavado de coches, baldeos de espazos e o recheo de piscinas.
"Pedímosvos a vosa implicación coa esperanza de non ter que adoptar medidas máis restritivas", sinala a alcaldesa, que insiste en que só co compromiso e solidariedade de toda a poboación se poderá prolongar as reservas actuais de auga.