A seca prolongada "acrecenta a preocupación" da Xunta sobre o subministro de auga

Pontevedra
18 de xullo 2022

Ethel Vázquez fai un chamamento "evitar despilfarros" e "controlar o consumo", pois, dado que non se pode influír na climatoloxía, faise necesario que administracións e particular si teñan precaución co consumo, eviten encher piscinas e fagan pequenos xestos como non lavar coches o evitar baldeos de rúas innecesarios

Atardecer no río Lérez
Atardecer no río Lérez / Mónica Patxot

A Oficina Técnica da Seca da Xunta mantén desde hai semanas a declaración de situación de seca prolongada en toda a demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, á que pertence Pontevedra, e a previsión é que se manteña durante o resto do verán. De momento, nesta zona non está previsto que se decrete o nivel de alerta, pero a "preocupación" da Xunta vai en aumento. 

Así o constatou este luns a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, nunha visita a Estribela. "Todo apunta a que seguiremos en seca prolongada", sinalou, "aínda non pasaremos a alerta". Pero xusto a continuación aclarou que "como goberno, desde a Xunta estamos cunha preocupación máis alta"

Esta seca prolongada "o certo é que non fai máis que acrecentar a preocupación da Xunta en materia de subministro de auga", insistiu.

"Cada semana que pasa, é máis preocupante a situación", recoñeceu, e sinalou que esta preocupación refírese á situación en Galicia-Costa e tamén en Miño-Sil. Aínda que, de momento, o nivel dos encoros provoca que "o consumo está garantido", alerta de que a finais de agosto podería haber problemas "se non se fai un consumo responsable".

A anomalía hidrolóxica que se vén advertindo dende principios de ano mantense e a conselleira fai un chamamento "evitar despilfarros" e "controlar o consumo", pois, dado que non se pode influír na climatoloxía, faise necesario que administracións e particular si teñan precaución co consumo, eviten encher piscinas e fagan pequenos xestos como non lavar coches ou evitar baldeos de rúas innecesarios. 

A Oficina Técnica da Seca acordou continuar co control do estado das bacías hidrolóxicas da demarcación, que en situación de seca prolongada pasa a ter un seguimento detallado analizando máis indicadores cunha maior periodicidade. As súas reunións fanse cada 15 días e cada semana fanse informes de seguimento intermedio. 

No caso da conca do Lérez, nestes días "imos facer seguimento intenso", indicou.  

Augas de Galicia comunicou nos últimos días aos municipios a activación en Galicia-Costa da situación de seca prolongada, de cara a realizar unha eficiente xestión da situación e pór en marcha as medidas necesarias para paliar e diminuír os efectos dun posible escenario de seca.

Na comunicación aos concellos, Augas de Galicia traslada medidas estratéxicas como o incremento da frecuencia do control dos indicadores de seca e o intercambio e actualización da información. 

Tamén se incide nas medidas de concienciación cidadá acerca da escaseza de auga e da necesidade de aforro, a través de campañas e bandos municipais; así como no control do usos do recurso desde o organismo de conca e dos concellos ou sistemas de abastecemento.

Arquivado en