A concelleira do Ciclo da Auga, Carme da Silva, confirmou que a seca forza ao Concello de Pontevedra a recorrer antes do previsto á auga embalsada no Pontillón do Castro.
O abastecemento aos concellos da ría de Pontevedra durante os meses de verán realízase en exclusiva desde o río Lérez, a través da estación de bombeo de Monte Porreiro. Tendo en conta a proxección a proxección á baixa do caudal e o consumo disparado polas altas temperaturas e a afluencia de turistas, a previsión é que este ano se utilice a auga da presa do Pontillón antes de setembro.
"Este ano todo indica que vai ser antes", apuntou Carme da Silva. A día de hoxe o encoro de Pontillón de Castro está ao 87 % de ocupación.
Mentres tanto os servizos técnicos do Concello apuran a elaboración dun protocolo de actuación no caso de que haxa problemas pola seca. Para iso é importante o seguimento e control do caudal do río polo que resulta clave verificar a veracidade dos aforos publicados na web Meteogalicia.
Ante as importantes oscilacións rexistradas nas últimas semanas no caudal da auga do río da estación de Lérez, desde a administración local solicitaron un informe ao servizo de planificación e programación hidrolóxica. Así, e atendendo aos datos ofrecidos polo servizo dixital, é posible observar unha cifra claramente baixa ao estudar o caudal medio de auga no Lérez, inferior a calquera dato comparativo no mesmo período, ao longo dos últimos anos.
Desde Augas de Galicia aínda non emitiron unha resposta oficial pero adiantan que os caudalímetros instalados miden ben e non mostran errrores.
Carme da Silva puntualizou que estes medidores atópase situados "augas arriba da estación de bombeo e augas abaixo da presa de ENCE".