A saída de Elnosa da ría, en suspenso ata que se resolva a caducidade da súa concesión

Pontevedra
27 de xullo 2018

Elnosa, se así o desexa, poderá seguir mantendo a súa actividade en Pontevedra. Sería, en todo caso, de maneira provisional. Así o explicou a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, que recoñeceu que a data dada ata agora, o vindeiro domingo 29 de xullo, queda en suspenso ante un expediente administrativo "que está en vías de solución"

Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra
Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra / Mónica Patxot

Elnosa, se así o desexa, poderá seguir mantendo a súa actividade en Pontevedra. Sería, en todo caso, de maneira provisional. Así o explicou a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, que recoñeceu que a data dada ata agora, o vindeiro domingo 29 de xullo, queda en suspenso ante un expediente administrativo "que está en vías de solución".

Isto non significa, aclarou Larriba, que exista unha posición "favorable" do Goberno ao mantemento da compañía electroquímica, senón que o executivo de Pedro Sánchez debe respectar os trámites que "marca a lei" e resolver o expediente de caducidade da concesión de Elnosa, incoado a instancias dunha sentenza da Audiencia Nacional.

Este fallo xudicial, con data de xaneiro de 2014, é "clave" segundo a subdelegada para entender que pasará coa fábrica a partir de agora. A Audiencia Nacional, tras unha denuncia do colectivo Salvemos Pontevedra, condenou ao Estado a iniciar un expediente de caducidade da concesión, ao concluír que Elnosa incumprira "flagrantemente" a vixente lei de costas.

Isto prodúcese porque, en 2012, o grupo portugués CUF adquiriu Elnosa e a concesión transmitiuse á nova dona da fábrica "sen a preceptiva autorización" do Goberno.

Tres anos despois da sentenza, en abril de 2017, Costas iniciou "formalmente" o trámite para decretar a caducidade da concesión e tras as correspondentes alegacións presentadas por Elnosa propuxo retirarlle o permiso para continuar coa súa actividade nos terreos que ocupa no complexo industrial de Lourizán.

A esta mesma conclusión chega o Avogado Xeral do Estado que, nun informe, defende a caducidade da concesión ao apreciar que Elnosa incumpriu a lei. Para resolver este expediente tan só falta o informe do Consello de Estado que, visto os precedentes, "non é probable", asegura Maica Larriba, que difira dos ditames anteriores.

Pero ata que conclúa a tramitación deste expediente, a fábrica de Elnosa pode seguir coa súa actividade en Pontevedra. O Goberno espera poder resolver esta cuestión "o máis axiña posible", pero a subdelegada reitera que para iso son necesarios todos os informes regulamentarios "e iso require certo tempo".

"Nada parece indicar que a resolución sexa favorable a Elnosa", garantiu a subdelegada do Goberno

O executivo que lidera o socialista Pedro Sánchez, reiterou Larriba, "traballa para resolver este procedemento, pero atopouse cun prazo curto de tempo". Se o Consello de Estado emite un informe favorable á proposta para decretar a caducidade da concesión "xa non habería que responder á prórroga" e a empresa "irase automaticamente".

Dita prórroga, destacou Maica Larriba, non foi tramitada polo momento ante a existencia dun expediente de caducidade que a Xunta de Galicia, engadiu, "pediu atrasar". Así, explicou que no "improbable" caso de que non se anule a concesión a Elnosa, o Goberno aínda podería frear a súa continuidade non renovándolle o permiso solicitado.

"Nada parece indicar que a resolución sexa favorable a Elnosa", garantiu a subdelegada do Goberno, que sinalou que se se confirma, como así apuntan a Audiencia Nacional e os informes emitidos ata agora, que a compañía infrinxiu a lei a "responsabilidade" da súa saída da ría sería "da propia empresa".

A ela "é á que habería que pedir explicacións", engadiu Maica Larriba, "e todos estamos a pensar en quen estamos a pensar cando digo isto".

Arquivado en