A predición do tempo a medio prazo que fai MeteoGalicia apunta un 80% de probabilidade de choiva para o venres 6 e o sábado 7 de setembro, días nos que Pontevedra celebra a Feira Franca.
Este luns, o paso dunha fronte pouco activa ao principio da xornada e os ventos de compoñente norte que introducirán aire frío serán os factores predominantes da meteoroloxía. De xeito que comezará a semana con ceos en xeral moi cubertos, con chuvias non moi intensas, pero que ao principio da xornada serán bastante xeneralizadas; tenderán a ir desaparecendo conforme avance a mañá e pola tarde aparecerán soamente con carácter illado. As temperaturas terán un descenso, especialmente acusado nos valores máximos. En Pontevedra o termómetro moverase entre os 15 e os 23 grados. Os ventos soprarán de compoñente norte, moderados no litoral e máis frouxos no interior.
Xa o martes, as altas presións entrarán novamente sobre Galicia dende os Azores, achegando estabilidade. Deste xeito MeteoGalicia aínda agarda nebulosidade abundante nas primeiras horas do día, pero as nubes tenderán a desaparecer e pola tarde os ceos quedarán moi abertos, agás no extremo norte e no leste onde aínda se manterán algunhas nubes. As temperaturas non terán cambios significativos. Os ventos soprarán de compoñente norte, con tendencia a amainar a medida que avance a xornada.
De novo o mércores as altas presións continuarán collendo a Galicia no límite do seu radio de acción, pero os ventos do norte e a presenza de aire frío en altura ocasionarán inestabilidade. Deste xeito o ceo estará parcialmente nubrado, con máis nubes no norte e algúns claros no sur; no terzo norte rexistraranse algunhas precipitacións febles e intermitentes. Néboas matinais no interior. Temperaturas sen cambios. Ventos frouxos de compoñente norte.
Na segunda metade da semana Galicia quedará nunha situación bastante indefinida, coas altas presións afastadas no Atlántico e zonas de aire frío en altura movéndose preto de Galicia, o que pode achegar inestabilidade.