A plataforma 'Residuos Non' de Ponte Sampaio, descontenta coa Deputación tras tres meses agardando unha reunión

Pontevedra
23 de xaneiro 2016

Un nutrido grupo de veciños de Ponte Sampaio acudiu na noite deste venres á reunión convocada pola plataforma 'Residuos Non' para poñerse ao día das últimas novidades deste polémico proxecto na Canicouva e as accións que están a realizar. A masiva afluencia de veciños contrarios ao proxecto non se traduciu en ningún acordo, pero si puxo de manifesto que a preocupación veciñal segue igual de activa 

Reunión veciñal na noite deste venres en Ponte Sampaio
Reunión veciñal na noite deste venres en Ponte Sampaio / PontevedraViva

Un nutrido grupo de veciños de Ponte Sampaio acudiu na noite deste venres á reunión convocada pola plataforma 'Residuos Non' nada en oposición á futura planta de compostaxe da Canicouva para poñerse ao día das últimas novidades deste polémico proxecto e as accións que están a realizar os opositores. A masiva afluencia de veciños contrarios ao proxecto non se traduciu en ningún acordo, pero si puxo de manifesto que a preocupación veciñal segue igual de activa que meses atrás e, ademais, saíu á luz un novo foco de desgusto: a actitude da Deputación Provincial de Pontevedra. 

O portavoz do colectivo, Eugenio Peón, explicou que a plataforma solicitou unha reunión coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, fai máis de tres meses "pero non nos fai caso tampouco a señora presidenta", situación que xera malestar entre os veciños da parroquia pontevedresa. 

A reunión serviu para que os membros da directiva da plataforma desen conta das novidades ao resto de veciños, pero apenas puideron trasladarlle información nova porque "hai moito secretismo" e todos os datos que van coñecendo son "a contagotas" e de forma extraoficial. "O Concello está xogando coas cartas escondidas, todo se leva en segredo", aseguran. 

De feito, solicitaron ter o acceso ao proxecto, pero non o conseguiron e só saben "extraoficialmente" que se adxudicou a parcela da Canicouva na que instalará a futura planta e cal é. 

Outro foco de malestar veciñal son unhas declaracións recentes do vicepresidente da Deputación, César Mosquera, que lles reprocha que o seu interese á hora de opoñerse á planta é económica. Respóndenlle asegurando que "nós non pedimos nada, ou que non queremos é que nos prexudique a auga", en referencia a que máis de 400 veciños de Ponte Sampaio nútrense de auga de mananciais e depósitos procedentes da zona na que se proxecta a planta, de modo que quedarán sen o seu servizo. 

A plataforma seguirá pendente de proxecto e non descarta levar algunha parte do mesmo ao xulgado, pero non hai ningunha decisión tomada, pois carecen dos fondos necesarios para soportar o prezo dun proceso xudicial que, ademais, seguirían contra o Concello de Pontevedra, "que o paga cos nosos cartos, cos de todos".

Arquivado en