O Partido Popular presentou unha moción para que se debata en plenoa suspensión da concesión de licenza á creación dunha planta de compostaxe en solo rústico durante un ano. Na mañá deste martes, o portavoz do grupo municipal do PP, Jacobo Moreira, anunciaba esta iniciativa acompañado polo presidente e o portavoz da Plataforma 'Residuos Non', formada por veciños de Pontesampaio que se opoñen á construción dunha planta de compost na Canicouva que promove o goberno local de Pontevedra coa colaboración dos comuneiros desa parroquia.
Manuel Santos, presidente deste colectivo, indicou que "se fora unha cousa boa iría para outro sitio e non para a Canicouva". Alega que esa planta afectaría os mananciais de auga que fornecen á parroquia de Ponte Sampaio e que o concelleiro Raimundo González, responsable desta zona, do mesmo xeito que a presidenta da Deputación "nunca se dignan a falar connosco".
O portavoz da plataforma, Eugenio Peón, indicou que este colectivo aposta porque se cren pequenas plantas de compost en todas as parroquias apuntando que "A Canicouva tocoulle a lotería de Nadal antes de tempo" referíndose ao acordo que os comuneiros desa parroquia asinaron co alcalde de Pontevedra. Engadiu que os oitenta comuneiros da Canicouva foron manexados polo "concelleiro de turno".
Ambos os dirixentes pregúntanse por que non se instala nun polígono industrial e queren crear a planta nun espazo que é o "peor sitio" porque, segundo manifestan, hai que dotala de luz, auga e unha boa pista para que circulen os camións.
Jacobo Moreira lamentou o acordo alcanzado entre o goberno local e os composteros da Canicouva sinalando que é unha improvisación que supón o pago dun terreo que non se sabe cando se vai a utilizar en lugar de asinar un contrato de reserva de uso. Criticou que se destinen 20.000 euros anuais coa agravante de que se en catro anos non se inicia a planta, o convenio quedará sen efecto. Moreira entende que se trata dunha "burla a los vecinos".