A Plataforma Non á Depuradora en Samieira saíu ao paso da campaña posta en marcha polo Partido Popular de Poio reclamando unha ubicación para a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR).
Desde a plataforma lamentan "profundamente" a falta de acordo de todas as administracións implicadas e os distintos grupos políticos "para ser máis eficaces e efectivos á hora de buscar unha solución ao problema de localización do proxecto".
"O partido de ping-pong é insuperable", afirman respecto á "confrontación política estéril" polo tema do saneamento, que como salientan "é un servizo público, ademais dunha necesidade, e é preciso que se busque unha solución".
Desde a Plataforma Non á Depuradora en Samieira defenden a necesidade de buscar un lugar axeitado, "compatible co medio e o benestar das persoas", para esta instalación ou calquera outra actuación que se acorde para tratar as augas residuais.
"Non haberá opción viable sen consenso veciñal", advirten.
"Non haberá opción viable sen consenso veciñal", advirten
Esta Plataforma naceu como resposta a intención da Xunta de instalar esta infraestrutura no ano 2012, entre as praias do Caeiro e O Laño, "sen consulta cidadá e sen información pública".
Esta decisión desencadeou un conflito social polo forte rexeitamento cidadá.
Catro anos despois as autoridades que se comprometeron a buscar unha ubicación alternativa, consensuada coa cidadanía, "seguen sen aportar ningunha opción viable, condenando aos afectados a permanecer en vilo pendientes deste proxecto", afirman dende esta plataforma que no seu día reuniu máis de 2.300 sinaturas en contra deste proxecto.
O 31 de xullo de 2012 o Pleno da Corporación de Poio aprobou unha moción conxunta dos grupos municipais do BNG, PSOE e PP pola que se rexeitaba a contorna das praias do Laño e o Caeiro para a esta instalación.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, a través de Augas de Galicia, facía público o 7 de setembro de 2012 que desbotaba esta opción.